A Plataforma Sanitaria da Mariña confía en que a manifestación prevista o próximo 19 de xaneiro en Burela en defensa da Atención Primaria e hospitalaria sexa “multitudinaria”.
A portavoz, Montse Porteiro, sinalou que estas festas agudizaron as carencias en canto á atención sanitaria na comarca mariñá, indicando, por exemplo, que “o día de Noiteboa, o 24 de decembro, non houbo médico de urxencias en Foz”.
“É un médico que atende de mañá os sábados para reforzar e captar labor asistencial e non colapsar a PAC de Burela, ademais cunha carreira que había en Foz na que houbo moita xente e non houbo médico para ese servizo”, lamentou.
Precisamente ese día, Porteiro asegurou que “o Sergas nin informou á poboación e quíxoo ocultar, impedindo ao persoal do centro que editase carteis informando de que non había médico”.
Tamén o 31 de decembro, “en Foz, ese mesmo médico que ten que estar os sábados” estivo “só a metade da xornada”, engade a portavoz.
“A xente chega a un punto que se farta e quere saír á rúa a manifestarse, porque quere que os seus servizos sexan dignos e completos, e pola calidade dunha sanidade pública que se merecen”, remachou. A manifestación foi convocada para o 19 de xaneiro, con saída ás 20.00 horas desde o Hospital da Mariña, en Burela.