InicioCentralBurelaBernardo Penabade: “A escola é o mellor lugar para detectar as necesidades...

Bernardo Penabade: “A escola é o mellor lugar para detectar as necesidades non cubertas do alumnado”

O "Modelo Burela" recibiu este pasado sábado día 9 de setembro o Premio Meendinho destinado a persoas e entidades que destaquen no campo da dinamización cultural e lingüística tendo en conta a dimensión internacional do noso idioma. Un dos seus impulsores, o profesor Bernardo Penabade, xunto con outras persoas, recolleu o galardón en Vilar de Santos, onde se celebrou o acto de entrega.

Publicada o

- Advertisement -

-A escola inclusiva “Modelo Burela” recibiu o Premio Meendinho. Que peso ten este premio para este proxecto?

O primeiro que supón é un estímulo. Certo é que o “Modelo Burela” xa tivo outros premios, algúns institucionais e outros de entidades asociativas, mais o Premio Meendinho é outro estímulo con moitas implicacións.

-Cales foron os retos aos que se enfrontou “Modelo Burela” no momento de dar os seus primeiros pasos?

Celebramos agora vinte anos e resultou ser unha das iniciativas de ensino que alcanzaron maior estabilidade, porque nos centros de ensino aparecen moi boas iniciativas. Non obstante, debido á mobilidade do profesorado, moitas delas teñen unha aplicación de dous ou tres anos, nalgúns casos de cinco, con todo, é excepcional chegar á estabilidade no tempo. Desde logo que o grande mérito é estar en aplicación durante eses vinte anos. Desde logo, o segundo grande logro é a cantidade de persoas, tanto alumnado como docentes e familias que se beneficiaron con esta iniciativa. Penso especialmente en sectores en risco severo de exclusión social. Grandes logos conseguidos? Pois dentro da área de dinamización lingüística foi conseguir que Burela fose o primeiro concello, despois de Santiago e Ferrol, en ter unha planificación lingüística municipal. Outro grandísimo logro foi transmitir esta iniciativa a unha longametraxe documental. Conseguir unha intervención desde un centro de ensino sobre un concello é un grande mérito. Tamén é un mérito que un centro de ensino consiga facer unha longametraxe audiovisual onde se mostra a metodoloxía didáctica empregada na escola. Un foi levar a escola á sociedade. Outro grande logo foi o recoñecemento institucional da Consellería de Educación a través dos programas de innovación lingüística e “Modelo Burela” foi un dos máis premiados neste campo.

-En que consiste a innovación lingüística presentada por este programa?

A innovación lingüística consiste no ensino dentro e fóra do recinto escolar. A combinación destes dous factores implica a renovación profunda dentro da metodoloxía didáctia no ensino da lingua galega. Isto último significa aplicar un maior peso da sociolingüística fronte o monopolio da gramática. O “Modelo Burela” é un modelo de ensino comunicativo e aí se mostra por exemplo a importancia que ten a radio como complemento da didáctica feita dentro da aula. Agora mesmo levamos case 800 programas seriados desde 2012 e moitos outros, extraordinarios que non están en programas estabeis, seguro que sumando todo levamos máis de mil horas de programación feita sempre co protagonismo do alumnado.

-Como axudou “Modelo Burela” ás persoas que estaban en risco de exclusión?

A innovación para atender persoas en risco de exclusión está primeiro no proceso de acollida. Segundo, unha avaliación inicial. O terceiro na reformulación dos contidos que se van aplicar adaptándoos ás persoas a quen se lles aplica, mesmo para alumnado que chega en situación de analfabetismo. Logo está a reordenación dos recursos humanos do centro para poder combinar un ensino dentro e fóra dos grupos de referencia. Este alumnado combina a asistencia aos grupos onde están todos os compañeiros en materias como Educación Física, Plástica ou a Tecnoloxía, é dicir, materias máis instrumentais. Logo temos a inclusión en grupos máis reducidos para as materias en linguas e números. Outro factor moi importante é o da relación constante da escola cos Servizos Sociais.

-Describe esa relación.

Consiste en garantir ao alumnado as necesidades básicas como saúde e alimentación ademais de próteses como lentes. Se estas necesidades non están cubertas, o mellor lugar para detectalas é a escola. Unha vez que se detecta estas faltas, o centro debe facer unha comunicación aos servizos sociais para cubrir ese déficit.

-Todo este esforzo académico e social en que se foi transformando durante estes vinte anos?

Tradicionalmente as comunidades migrantes non chegaban a ter o título de E.S.O. Así pois, durante estes anos, aínda que sexa excepcionalmente e nunha porcentaxe moito menor que a media, conseguimos que as comunidades emigrantes accedan aos estudos post-obrigatorios, ben sexa no bacharelato ou na formación profesional. Mais rompemos os guetos de que estean só nos cursos baixos de 1º e 2º de E.S.O., e máis nas antesalas das saídas que son algúns grupos de atención á diversidade por onde se pasa antes de saír da escolarización. Logo conseguimos éxitos na difusión da expresión escrita en galego fóra do ámbito escolar. Por exemplo, nos usos lingüísticos familiares como son os convites de vodas, primeiras comuñóns e na linguaxe necrolóxica. Hoxe en Burela é habitual usar o galego nas necrolóxicas ou lápidas, algo que antes do século XXI non existía. A primeira lápida en galego no cemiterio de Burela é de 1997. Unha vez detectados eses déficits fíxose un diagnóstico xeral do des-uso do galego. Despois fíxose promoción do uso a través de modelos a seguir socialmente.

-Non se pensou na posibilidade dun “Modelo Mariña”?

Houbo colaboracións específicas co Valadouro, co Vicedo, coa parroquia de Rinlo en Ribadeo, e mesmo coa Escola de Arroxo en Lourenzá, mais nunca chegou a concretizarse nunha colaboración con outros institutos ou concellos da Mariña. O “Modelo Burela” está pensado para a adaptación para outros lugares, mais esa adaptación debe ser promovida desde outras entidades. Nós estamos dispostos a propiciar esa colaboración como fixemos coa Asociación “Carballo Vivo” de Friol, ou recentemente co Concello de Meira. Neste último, colaboramos a través da Oficina de Turismo que une a dinamización lingüística e cultural coa dinamización económica do ámbito local. Agora mesmo temos unha exposición do “Modelo Burela” na igrexa do mosteiro de Meira. Esta exposición compleméntase con visitas guiadas á localidade. Para nós é o modelo perfecto de colaboración pois hai actividades fóra do ámbito escolar e promoven o desenvolvemento local.

-En que consiste ese desenvolvemento local?

Consiste na proxección da economía local a través do comercio ou da promoción de produtos de proximidade, agroalimentarios, artesanais, unido isto á promoción da lingua e do patrimonio material e inmaterial da localidade. Isto é unha visión da lingua como elemento central da cultura e por tanto incidir no nivel de vida.

-Cal é o futuro de “Modelo Burela”?

O futuro, máis alá da súa continuidade na escola ou na institución municipal, está garantido a través das ducias de persoas que leva atendido. Precisamente agora está dando os primeiros pasos, porque as persoas formadas en “Modelo Burela” que completaron xa a súa formación están entrando no mundo laboral. Indirectamente a acción educación deste modelo vaise multiplicar durante os vindeiros anos, sexa ou non con este nome, iso é o de menos.

-E o programa radiofónico “Modelo Burela” continuará?

Estamos á espectativa para este novo curso e se hai colaboración do Concello e máis do Instituto Perdouro, seguirá para adiante. Estamos á expectativa porque iso non depende de nós. A radio implica que se faga en directo e teña continuidade, non se trata de programas esporádicos, son dous programas por semana en directo feitos polo alumnado e transmitidos en aberto para toda a comunidade. A súa continuidade non depende de nós.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...