Máis dun centenar de persoas denunciaron a falta dun servizo público de logopedia na Mariña despois de que a clínica privada que atendía aos nenos e nenas da comarca comunicase a “suspensión” do convenio cos Sergas.
As familias tramitaron as súas queixas a través da Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións (UMAR) da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, que este martes se desprazou ao centro de saúde de Burela.
“Segundo nos contan nais e pais hai uns días avisaron desde esta clínica de que o convenio co Sergas quedaba suspendido por desacordo co mesmo e que deixaban de atender ás nosas nenas e nenos”, explican desde o colectivo sanitario.
A situación, engaden, obriga aos nenos e nenas da comarca a desprazarse a Lugo para recibir os tratamentos ou a acudir a especialistas privados.
A plataforma remarca que a “indignación pola supresión do servizo” se suma ao “malestar” pola falta de logopeda no servizo de atención temperá do Hospital da Costa de Burela, sen especialista desde o pasado 30 de outubro.
FISIOTERAPIA
A Umar tamén recolleu reclamacións que demandan a creación do servizo de fisioterapia no centro de saúde de Burela. Os usuarios e usuarias denuncian que, na actualidade, están a ser derivados a unha clínica privada que está “sobrecargada de traballo” e que “acumula agardas excesivas“.
Segundo explican desde a Plataforma sanitaria, a ausencia do servizo en Atención Primaria implica que os médicos de cabeceira non poidan prescibir tratamentos de rehabilitación ou fisioterapia directamente e desborda o servizo hospitalario.
CRÍTICAS Á XUNTA
“Estes son dous exemplos máis da folla de ruta do goberno da Xunta de Galicia na súa ansia de desmantelar a Atención Primaria. O problema da sanidade pública estáselle indo das mans a Núñez Feijóo e corre o risco de coverterse nunha situación de emerxencia”, conclúen desde a plataforma.