O colectivo viveirense Por unha atención primaria digna convocou unha concentración diante do centro de saúde para o martes 22 de xaneiro ás 12.00 horas.
A plataforma veciñal convida á sumarse á mobilización na que denunciarán o que describen como unha “situación insostible”. O voceiro do colectivo, Aurelio Goás, explicou que as agardas por unha cita co facultativo chegan aos oito e mesmo dez días.
FACULTATIVOS “DESBORDADOS”
Goas comentou que os facultativos do centro se atopan “desbordados” ao non cubrir o Servizo Galego de Saúde (Sergas) as baixas ou vacacións do persoal. “Estes días falta un dos profesionais pero a situación é crónica”, comentou lembrando que durante o Nadal non se supliu a “falta de tres médicos e un pediatra”.
A situación fora denunciada daquela polo BNG de Viveiro e mais polo Concello que criticaran o “abandono” e a “degradación” do servizo.
O voceiro do colectivo convida á veciñanza a participar na concentración. “Confiamos en que a resposta social surta efecto”, concluíu.