A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña ubicou o pasado martes a Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións (Umar) en San Cibrao, onde recolleu “máis de duascentas reclamacións” para esixir a cobertura da pediatra.
As veciñas e veciños cubriron as demandas nas que solicitan a substitución da titular do servizo de pediatría “de forma estable e desde o primeiro día” en caso de ausencia por baixas, permisos ou vacacións.
A plataforma sanitaria sinalou que o ambulatorio “se viu ateigado” de persoas que querían facer efectiva a súa queixa e que tiveron que habilitar unha mesa paralela para atender as peticións.
O colectivo denunciou que se rexistraron “demoras dun mes nas citacións” tras os primeiros días de vacacións da titular do servizo nos centros de atención primaria de Cervo e San Cibrao.
Ademais da recollida de sinaturas, durante a mañá, profesionais e usuarios do centro participaron nun paro de cinco minutos, convocado pola Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) baixo o lema ‘Por unha Atención Primaria Digna‘.
O BNG CRITICA O “SILENCIO” DO ALCALDE
O BNG de Cervo criticou o “silencio” do alcalde cervense, o popular Alfonso Villares, ao que acusaron de “converterse en cómplice do deterioro sanitario”.
Os nacionalistas denunciaron a “grave perda de calidade asistencial” que xenera o Sergas ao non cubrir as ausencias da profesional de pediatría que, explicaron, obriga ás familias a desprazarse ata o centro de saúde de Burela.
“Por se o desprazamento non fora abondo, tamén se contribúe a saturar o servizo de pediatría burelao”, sinalou o responsable local, Diego Fernández.
CONCENTRACIÓN EN VIVEIRO
O paro de cinco minutos de San Cibrao repetiuse tamén en Viveiro. Persoal e usuarios do centro de saúde concentráronse diante do ambulatorio para pedir á Xunta de Galicia que “reforce o número de profesionais para urxencias e especialidades como a de pediatría, e que se cubran as baixas médicas por enfermidade ou vacacións”.