Centos de persoas concentráronse fronte ao Hospital da Costa trala convocatoria de protesta en varias localidades galegas realizada polo colectivo SOS Sanidade Pública, para manifestarse contra “a corrupción do PP”.
A Plataforma na Defensa da Sanidade da Mariña leu un comunicado que denunciou a centralización dos servizos sanitarios, pois entenden que o Goberno galego “está a desacreditar e debilitar o sector público para facilitar a penetración do sector privado en detrimento da saúde da poboación e das arcas públicas”.
Tamén houbo críticas á supresión da área sanitaria da Mariña logo da reforma da Lei de Saúde. ‘A privatización é corrupción’, ‘Desmantelan a pedazos, xa non temos marcapasos’ ou ‘Cirurxía vascular sen ter que viaxar’ foron algunhas das consignas que berraron os manifestantes, que acabaron a protesta coas mans en alto para simular un atraco.
Pola mañá, integrantes da xunta de persoal manifestáronse fronte ao hospital contra o “peche de 30 camas no verán“, “que aumenta as listas de espera e dá negocio ás empresas privadas”.