O Concello de Foz anunciou que se suma cunha concentración nocturna á campaña Emerxencia Feminista, “contra os asasinatos machistas, as manadas e as agresións sexuais”, convocada a nivel estatal para o 20 de setembro.
Segundo os datos da Delegación de Goberno, o mes de xullo foi o peor en trece anos en casos de violencia machista; trece mulleres e unha menor morreron a mans das súas parellas ou ex parellas, que se suman ás máis de mil mulleres asasinadas dende o 2003. E as agresións sexuais “en manada” suman máis do dobre que nos pasados anos.
O goberno local convoca á veciñanza ás 21.30 horas diante do Concello, nun encontro ao que se convida a levar unha luz violeta en memoria das vítimas. “A fachada do concello será iluminada de violeta a noite do 20 e nós con lanternas, velas ou móbiles, sairemos á rúa a rexeitar a violencia contra a muller”, explica Verónica Peña, Concelleira de Muller e Igualdade.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
O equipo de goberno levará ao próximo pleno unha declaración institucional contra os asasinatos machistas e contra toda forma de violencia contra as mulleres, coa que se rexeitará tamén calquera tipo de declaracións ou mensaxes que contribúan á xustificación da violencia de xénero, que promovan a súa minusvaloración ou cuestionamento así como das ferramentas normativas das que nos temos dotado para combatela, anunciou o alcalde, Fran Cajoto.