A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña cuestiona a veracidade dos datos de espera que deu a coñecer este venres o Servizo Galego de Saúde (SERGAS). O colectivo denuncia que, no relativo á comarca, as cifras “están lonxe das reais” e que “obedecen a un intento de tapar a xestión que se está a facer por parte da Xerencia do Hospital da Costa con recortes de persoal e peches de camas enmascarados”.
No balance relativo ao primeiro semestre do ano, o Sergas mantén que, no centro hospitalario de Burela, a agarda media é de 34 días para unha primeira cita con especialistas, de 36 días para probas diagnósticas e de 41 días para intervencións cirúrxicas. Porén, desde a coordinadora da plataforma, Montse Porteiro, mantén que as cifras que ofrece a administración non cadran “coas denuncias que nos chegan a diario de persoas que padecen tempos de agarda indecentes”.
DENUNCIAS ANTE A PLATAFORMA
“Se queren dar datos veraces” –indican desde o colectivo – “que pregunten antes a quen chamaron para facer unha proba de esforzo tras dous anos agardando desesperado , previa reclamación a través da Plataforma, e denuncia no xulgado. Ou a pacientes que tras facer unha proba cardiolóxica levan un ano ou dous sen seren chamados para coñecer os resultados e saber se teñen que seguir tomando o tratamento que lles puxeron que siguen atomar sen ningún control do especialista”. A Plataforma incide tamén nas demoras na atención a “centos de persoas que levan esperando un ano ou máis para facer rehabilitación en clínicas privadas”.
O colectivo en defensa da sanidade pública subliña tamén a “opacidade” coa que o centro hospitalario manexa as listas de espera que –segundo explican- non “coñece ningunha persoa allea á dirección”, máis aló dos datos publicados nos informes emitidos pola Xerencia.