A Plataforma na Defensa da Sanidade da Mariña instalará unha vez máis a Unidade Móbil de Axuda Coas Reclamacións (Umar) na entrada principal do Hospital da Costa. Será o vindeiro martes, en horario de 11.00 a 13.00 horas.
Todas aquelas persoas que teñan dúbidas en temas relacionados con agardas e derivacións á sanidade privada poden achegarse ata a mesa da Umar para resolver estas cuestións.
No caso de que algún paciente queira facer unha reclamación por considerar que sofre unha dilación en probas diagnósticas, consultas ou operacións cirúrxicas, a plataforma sanitaria ofrece asesoramento e mesmo a entrega do documento no rexistro.
EN AGOSTO, SÓ NO HOSPITAL DA COSTA
O colectivo lembra que a Umar só se instalará en agosto no hospital. A partir do mes de setembro volverá aos centros de saúde.