Milleiros de mariñás participaron na manifestación deste domingo en Foz con motivo do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, para reivindicar a igualdade á hora de asumir os coidados.
‘Sen coidados non hai vida‘ foi o lema da protesta, a fin de “unir” ás mulleres contra a asignación case en exclusiva que a sociedade fai ao xénero feminino da atención a crianzas e maiores, persoas enfermas ou dependentes.
Os recentes estudos poñen números a esta realidade desigual: o 97% das persoas que traballan a tempo parcial debido á necesidade de coidar dos seus familiares son mulleres, que renuncian á vida profesional por ter que atender a vida familiar. Elas supoñen o 85,6% das persoas inactivas por esta mesma razón, e fan o 92% das peticións de excedencias laborais por este motivo.
Algunhas con mandís, a maioría vestidas da cor lila que simboliza o feminismo, animadas polo ritmo das percusións, as manifestantes corearon consignas como “Non fai falta cona para usar unha fregona”, “Menos discursos e máis recursos”, “Traballo xa temos, queremos emprego”, “A dobre xornada tennos cabreadas” ou “A rúa e a noite tamén son nosas”, e amosaron pancartas con mensaxes como “precarias e invisibilizadas: pola valorización dos traballos dos coidados“, “sé a muller da túa vida” ou “o feminismo será antirracista ou non será”.
A cita, na que o colectivo Galegas 8M A Mariña traballou desde o pasado mes de xaneiro, reivindicou tamén o coidado da terra, do territorio, a fin de concienciar sobre un consumo responsable. Trala manifestación, haberá unha comida de confraternización, actuacións musicais e unha foliada.