InicioMovementos SociaisPedro L. Morillo: "A homofobia é tan absurda como obrigar a un...

Pedro L. Morillo: “A homofobia é tan absurda como obrigar a un zurdo a escribir coa dereita”

O mozo afincado no Valadouro, coñecido por impulsar unha iniciativa para ampliar a oferta formativa no IES, escribiu o libro no que defende a diversidade sexual

Publicada o

- Advertisement -

O nome de Pedro López Morillo (Monforte, 2001) é coñecido na Mariña Lucense por ser un dos promotores da iniciativa veciñal para dotar de ciclos formativos á oferta educativa do IES Alfoz-Valadouro. O mozo vén de publicar o ensaio ‘La homofobia tiene cura‘ (Círculo Rojo).

P. Por que escribiu este libro?

R. É un libriño pequeno que escribín estando nun pozo a nivel anímico, cando o confinamento. Houbo unha persoa que me botou a culpa de que seu fillo fose homosexual, son momentos de dúbidas nos que chegas a pensar se non terán razón aqueles que din que estás enfermo pola túa condición sexual. Aos 20 anos eres unha persoa en formación, que como adolescente prestas moita atención aos adultos porque consideramos que son máis sabios, e as cousas que din teñen moito impacto, firen. Iso levoume a facer unha reflexión fonda e diso nace este libro. De darse conta de que o que precisa cura é a homofobia.

UNHA LACRA SOCIAL QUE PERSISTE

É un ensaio, un diario?

O formato é unha mestura entre o ensaio e o diario. Ten sete capítulos máis unha introdución nos que vou tratando diferentes temas. Hai un resumo do que di a ciencia sobre os motivos que levan a algunhas persoas a ser homosexuais, a outras a ser bisexuais, ou a ser heterosexual ou transexual. A conclusión é que a homosexualidade non se pode cambiar. Tamén trato a homosexualidade en diferentes épocas históricas. Nun apartado xogo a cambiar a sociedade, e imaxinala non homófoba senón heterófoba, como exercicio, co exemplo dun home que quere casar cunha muller pero non pode e ten que emparellarse con outro home: paréceme que facer poñerse na pel do outro é unha boa maneira de concienciar sobre o que está pasando.

Outros bloques falan de situacións nas que un se pode atopar, parte froito da miña propia experiencia e parte sacadas de testemuños de xente que fun coñecendo na miña faceta como activista LGTB. Por exemplo, a posibilidade de que teus pais non te acepten como es. Tamén tendo a desmontar os tópicos que perviven, porque aínda que avanzamos moito no aspecto legal, nas mentalidades queda moito por facer.

Malia que España é un dos países máis avanzados do mundo neste ámbito, a homofobia persiste e moito. Eu non tiven ese problema, meus pais foron moi abertos, e aínda así cando lles comuniquei a miña condición sexual estaba nervioso e tardei bastante en contarllo, porque sei que hai moita xente que presuntamente é aberta e tolerante, pero logo cando lles toca directamente cambian: fóra da casa respectan todo, pero dentro non queren saber nada diso. Moitas persoas non se dan conta do dano que poden facer cunhas palabras.

DESAFÍOS

Cales son os principais retos para acadar a igualdade?

É fundamental que se aprobe dunha vez a prohibición das terapias de reconversión sexual. Coñezo un rapaz que acudiu e rematou ao bordo do suicidio. Hai que acabar con iso dunha vez e quizais é un dos grandes desafíos que afrontamos como colectivo LGTB nesta década.

Hai moitos rapaces e non rapaces que seguen no armario, e hai que tentar poñer o noso gran de area para que esa xente non se sinta soa. En parte escribo por iso, para que os que veñen detrás saiban que non son raros e que hai moita xente coma eles. Somos máis do 10% da poboación, en principio, pero aínda é complicado expresarse abertamente, sentirse aceptado. Hai países nos que aínda se aplica a pena de morte por este motivo. Está comprobado que os adolescentes LGTB teñen unha taxa de suicidio catro veces maior ca os mozos e mozas hetero da súa idade. Iso é terrible. E coas persoas transexuais é peor, porque a discriminación é moito maior. Coñeces historias que se che cae a alma aos pés.

A MOCIDADE

Fala do complicado que é para moitos rapaces homosexuais comunicar a súa condición sexual a persoas de xeracións anteriores. É máis tolerante a mocidade?

A día de hoxe, non vexo máis adiantada mentalmente á miña xeración que a dos meus pais. Hoxe en día a nosa situación é máis visible, grazas ao traballo dos profesores, pois o ensino entendeu que había un problema de discriminación e de aceptación e os docentes esforzáronse pola causa. Pero só fai falta ver que un partido abertamente homófobo como Vox colleita moitos votos entre a xente nova; iso reflicte que a xuventude que viviu nunha sociedade máis tolerante en ocasións volve a actitudes de épocas anteriores.

É posible que a xente maior tenda a ser máis pechada, pero foron educados dunha maneira; a mocidade non foi educada así, e iso é preocupante. Eu fago fincapé na educación porque con 20 ou 30 anos é difícil cambiar; hai que ensinar a diversidade sexual aos nenos. A vacina para a homofobia é a educación.

Chama a atención tamén como sectores da Igrexa que son belixerantes co movemento LGTB despois néganse a condenar a pedofilia, que debe ser un dos delitos máis graves que hai: arruinar unha vida desa maneira. Como pode ser que dúas rapazas de 20 anos queréndose sexan para eles motivo de crítica e non un cura de 60 que viola a un neno de doce? Esa dobre moral é insoportable. Tamén os discursos que din que as institucións máis tolerantes queren homosexualizar á xente; nin se pode homosexualizar a ninguén nin se pode heterosexualizar a ninguén. O franquismo fixo campos de concentración para homosexuais e non o conseguiu, porque persoas de diversa condición sexual hóuboas sempre.

A EDUCACIÓN, CHAVE

De onde cre que vén a homofobia?

Para min é culpa do machismo, que non só oprime ás mulleres senón tamén aos homes, esa masculinidade que hai que demostrar todo o tempo. Ese exame permanente é o que leva moitas veces á homofobia. Nos pícaros, a sexualidade é algo máis tabú que entre as nenas. Se dúas rapazas se abrazan ou se dan a man, non xenera tanto debate, hai quen pode meterse con elas pero enténdese que poden facelo sendo amigas; cos rapaces non pasa o mesmo. Parece que todo o que se sae do heteropatriarcado é malo e é perigoso.

Que supuxo para vostede escribir este libro?

Escribir o libro axudoume a entender que a homosexualidade non lle fai dano a ninguén, que dúas persoas adultas que se queren non teñen por que molestar a ninguén, que somos xente como calquera outra, independentemente da condición sexual, e que temos dereito a ser felices. Espero que vaiamos cara diante e en décadas isto sexa visto como un absurdo, como pensariamos hoxe de que as mulleres non poidesen votar, ou de que hai que obrigar  a escribir coa dereita a aquelas persoas que son zurdas. Houbo épocas da historia nas que os zurdos parecían o diaño, como hoxe acontece cos homosexuais para algunhas persoas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...