A Plataforma na Defensa da Sanidade da Mariña criticou a falta de pediatra en Barreiros. O colectivo referiuse ao caso dunha veciña que presentou unha reclamación ao non contar o centro de saúde coa especialista por mor dunha baixa, e que terá a vindeira cita no mes de decembro.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) asegurou ao respecto “que non se puido prever” a baixa da profesional e que, malia que “non hai pediatras e temos dificultades para atopar substitutos, a atención de urxencia está garantida”. Neste senso, resaltou que no caso da reclamación “tratábase dunha revisión a un neno sano, non urxente”.
A plataforma sanitaria asegura que os retrasos na atención pediátrica “non son unha situación puntual nin extraordinaria, senón que se producen bastante a miúdo”. Ademais, resalta que “este tipo de revisións prográmanse con correspondencia a unha idade biolóxica”.
“TRES MESES SON DEMASIADOS”
Así, o colectivo considera que tres meses “son demasiado tempo de demora, pois a velocidade á que un neno medra é moi alta”, e insta ao Sergas a que contrate pediatras e solucione “o que pode ser un escándalo de dimensións colosais”.