InicioMovementos SociaisO Observatorio: "agora é moito máis doado falar de feminismo"

O Observatorio: “agora é moito máis doado falar de feminismo”

O Observatorio da Mariña pola Igualdade cumpre dez anos nos que promoveu iniciativas en favor da igualdade e da visibilización das mulleres na comarca

Publicada o

- Advertisement -

O Observatorio da Mariña pola Igualdade (OMI) cumpre dez anos abrindo debates con perspectiva de xénero e reivindicando as mulleres como protagonistas principais da transformación social.

O colectivo organiza o vindeiro venres en Burela un obradoiro de empoderamento erótico, unha iniciativa que propón avanzar contra das restricións impostas ás mulleres nas súas vivencias sexuais. E prepara a Axenda Feminista do 2019. Conversamos con Raquel G. Hermida, presidenta do agrupación.

OBXECTIVOS

Con que obxectivos naceu o Observatorio?

A idea inicial era cubrir un oco que detectabamos na comarca, onde viamos que si había asociacións de mulleres -viúvas, amas de casa- pero ningunha asociación femininista, dedicada a xenerar conciencia crítica e visibilizar o papel das mulleres na sociedade.

Queriamos unha ferramenta para achegar a corrente ideolóxica feminista ás mulleres e homes da Mariña e esa é a liña na que seguimos. A diferenza é que agora resulta moito máis doado falar de feminismo. Daquela atopabamos máis reticencias por parte da xente, hoxe o recoñecemento é máis xeneralizado. En abril, unha asociación da comarca moi significada no ámbito da cultura como Os Aventados deunos un premio pola nosa labor social. Creo que hai dez anos isto non acontecería.

“O RECOÑECEMENTO DA LOITA FEMINISTA É MÁIS XENERALIZADO, Nos primeiros anos atopabamos máis reticencias”

8-M

Canto tivo que ver neste cambio o 8 de marzo pasado?

As mobilizacións do 8 de marzo e o eco que tiveron na prensa visibilizaron o feminismo como un movemento de masas. Iso non acontecera ata daquela. Nunca se viran manifestacións tan multitudinarias pero é un triunfo que se vía vir.

O OMI tomou parte na histórica manifestación do pasado 8 de marzo en Burela. AXM

En asociacións como a nosa tiñamos a sensación de que gañaramos espazo despois de anos de traballo en contra do patriarcado e do negacionismo. Creo que nese camiño máis silencioso, ou silenciado, as redes sociais foron unha ferramenta moi importante.

“As redes sociais foron unha ferramenta moi importante PARA O MOVEMENTO E O ECO DO 8-M AXUDOU A VISIBILIZALO”

Con respecto á posibilidade de proxectar as mensaxes, supón unha dificultade engadida instalarse e traballar no ámbito local?

Supoño que non é o mesmo traballar no feminismo -nin tampouco noutros ámbitos- desde Compostela que desde nunha comarca máis afastada dos movementos culturais de referencia pero creo que, neste caso, na Mariña podemos presumir de estar na vangarda ou cando menos en pé de igualdade con moitas cidades e localidades con máis proxección. O éxito de convocatoria da manifestación do 8 de marzo foi unha boa proba diso.

“Na Mariña podemos presumir de estar na vangarda, ou cando menos en pé de igualdade, con moitas cidades”

ESTRATEXIAS

Traballar para cambiar o entorno inmediato, as realidades coas que convives directamente, modifica en algo as estratexias?

O machismo está tan normalizado, tan instaurado, que é complicado desmontalo. Sabemos que, na confrontación de ideas, un posicionamento pode tomarse como unha agresión persoal e atopar unha resposta máis revulsiva por iso nalgunhas campañas xenéricas ás que nos sumamos tratamos de ser coidadosas e incidir nos argumentos máis que nos lemas.

Cadea humana na Ponte dos Santos contra a reforma da lei do aborto. AXM

Como funciona o OMI para sacar adiante as iniciativas que impulsades?

Con traballo voluntario ao que nos sumamos tanto as directivas como as socias. Para avanzar en proxectos concretos como a axenda feminista ou o vídeo forum formamos grupos de traballo abertos á participación de todas. Aproveito para convidar a todas as persoas que nos lean a que se sumen. Eu comecei como socia case desde o inicio e participar disto foi unha das experiencias máis satisfactorias da miña vida, O OMI foi e segue sendo un espazo de formación e de aprendizaxe.

“cremos máis nos argumentos ca nos lemas. o machismo está tan instaurado que calquera crítica pode tomarse como unha agresión persoal”

Botando a vista atrás, que iniciativas das emprendidas nestes anos destacarías?

A axenda feminista e o trivial feminista déronnos moitas satisfaccións. Son propostas moi consolidadas que nos proxectaron fóra da comarca pero fixéronse cousas tamén moi interesantes: participamos moi activamente na campaña contra a reforma da lei do aborto de 2014, fixemos un vídeo sobre a elección da raíña das festas de Burela que removeu moitísimo, deseñamos unha unidade didáctica en homenaxe a Antía Cal sobre actitudes sexistas do profesorado e alumnado de secundaria e, sobre todo, fomos capaces de organizar charlas e debates de moita calidade traendo á Mariña referentes internacionais do pensamento feminista.

Taboleiro do Trivial Feminista deseñado polo OMI para visibilizar o papel das mulleres na sociedade

A MULLER NO DEPORTE

As últimas xornadas foron sobre Muller e Deporte.

Si, foi unha actividade que despertou moito interese e na que, por certo, se constatou que é especialmente complicado introducir o feminismo no deporte. Espúxose que a falta de conciencia á respecto das desigualdades neste ámbito aínda é moi acusada. Hai mulleres que non queren significarse como feministas nin como femininas.

VIOLENCIA DE XÉNERO

Seguro que hai centos de cuestións na lista de materias pendentes para avanzar na igualdade, poderías sinalar algunhas prioridades?

Pois, sen dúbida, o máis urxente é un compromiso real contra a violencia de xénero. É certo que se avanzou na visibilización das súas consecuencias máis dramáticas e na resposta social ante elas, pero seguimos sen abordar a cuestión desde a raíz.

“violencia de xénero e conciliación son as dúas grandes materias pendentes”

A violencia de xénero susténtase nun sistema que a xustifica e a naturaliza, que é o sistema patriarcal, no que hai un xénero oprimido e outro con privilexios. Fai falla reflexión para analizar esa violencia desde esa perspectiva de xénero. Doutra maneira non avanzaremos na solución.

CONCILIACIÓN

Por outro lado, dacordo coas experiencias que nos expoñen as mulleres de forma maioritaria, incluso mulleres empoderadas como as que retratamos nas axendas feministas, o principal obstáculo para avanzar na igualdade é a conciliación.

Cremos que somos educadas en termos de igualdade pero, ante as responsabilidades familiares, a descompensación segue a ser tremenda. Diría incluso que parte desa percepción de que a sociedade vai avanzando é un espellismo que ten que ver precisamente co feito de que temos menos fillas e fillos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...