Viveiro acollerá unha concentración silenciosa o 25-N contra o machismo

Concellos como o de Burela ou o de Ribadeo convidan a sumarse á campaña 'En Negro contra as violencias' participando nas redes sociais e vestindo casas, balcóns e locais de loito

Loureiro e Fernández, na presentación da campaña polo 25-N. AXM

Os Concellos da Mariña adhírense un ano máis con distintas actividades á campaña ‘En negro contra as violencias’, a fin de dar visibilidade á loita contra o machismo e combater esta lacra.

En ‘Negro Contra As Violencias’ é unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que xorde en 2015 en Santiago de Compostela co impulso da administración local, crecendo e involucrando ano tras ano a un maior número de Concellos, institucións e sectores, chegando a expandirse de forma viral mesmo fóra de Galicia. Aínda que está latente durante todo o ano, é sobre todo no mes de novembro e, concretamente, no 25 N –Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres-, cando a acción desprega a súa actividade dunha forma máis intensa.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a concelleira de Cultura e Muller, Lara Fernández, presentaron o pasado martes en rolda de prensa as actividades, entre as que destaca a concentración silenciosaEn Negro’ do próximo 25 de novembro ás 12.00 horas na praza Maior, onde se lerá un manifesto reivindicativo.

“Este ano máis que nunca queremos sumarnos a esta campaña, xa que a violencia de xénero segue aí e incluso producíronse máis situacións e casos preocupantes polo confinamento derivado da pandemia”, asegura a alcaldesa de Viveiro.

A BIBLIOTECA DE VIVEIRO, POLA IGUALDADE

Como novidade, este venres o concello entrará tamén a formar parte da iniciativa a nivel nacional ‘Bibliotecas en Igualdade’, que “pretende recuperar e visibilizar o coñecemento de autoría femenina, saldando unha débeda coas mulleres creadoras da historia”, expuxo Fernández.

O Concello inaugurou hoxe tamén na biblioteca un vinilo cunha creación do artista local e xa internacional David Catá. “É unha obra que leva por slogan ‘De igual a igual’ e que responde a unha nova iniciativa máis ampla, que se chamará ‘Viveiro de Igual a igual’, para traballar en prol de alcanzar a igualdade en todos os aspectos do día a día dos nosos veciños e veciñas; esta acción comeza con converter a nosa biblioteca nun espazo divulgativo igualitario”, explica Fernández.

A obra, financiada polos fondos do pacto de estado, xa se pode gozar na terceira planta da biblioteca pública municipal. A descrición do autor é a seguinte: “Metades. O amor é lealdade, respecto e compromiso, factores que deben ir da man. Esta fotografía, que representa estas características, fainos vernos de igual a igual, fragmentos que forman un todo no que as diferenzas non existen e o un non existe sen o outro. Dúas mans unidas, cosidas a unha á outra para sempre e que representan o símbolo do amor, a unión, a forza e a igualdade”.

Finalmente, o día 27 o Concello de Viveiro acollerá unha nova reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, constituída en outubro de 2018 coa representación dos axentes sociais que traballan en Viveiro neste eido.

PREDOMINIO DAS ACTIVIDADES NON PRESENCIAIS

A dificultade de reunirse nos tempos da Covid-19 fai que na campaña, que se espallará por toda Galicia, cobren importancia actividades non presenciais, a través das redes sociais. Na web ennegrocontraasviolencias.gal pódese descargar todo o material. Os cancelos serán #EnNegroContraAsViolencias, #EnNegro2020, #GaliciaEnNegro, #QuerémonosVivas e #NonEstásSoa. Desde o goberno local viveirense animan a todos os sectores a participar.

O Concello de Burela tamén se sumará a esta iniciativa, convidando a tinguir de negro as casas e as rúas. O goberno local únese por cuarto ano á campaña “co obxectivo de visibilizar que as violencias contra as mulleres non cesan e animan á participación activa dos vecinos e veciñas,  tinguindo de negro as súas vivendas, balcóns, ou locais”. O mesmo convite fan desde o goberno local de Ribadeo.

PROPOSTAS GLOBAIS

Algunhas das propostas globais que xa están en marcha, en diferentes lugares, son: distribución de máscaras (co deseño que xa se pode descargar na web), pezas audiovisuais, accións con tecedoras, así como a creación de ferramentas colaborativas para recoller as voces das mulleres, como será o lenzo a modo de pancarta virtual que se pendurará na web, un proxecto  procesual –ideado polo colectivo de Gráficas en Negro– que aposta pola aprendizaxe colectiva.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here