InicioMovementos Sociais25-N: A Mariña pon o foco na "vulnerabilidade" das vítimas no rural...

25-N: A Mariña pon o foco na “vulnerabilidade” das vítimas no rural e no seu “illamento” pola Covid-19

A comarca encherase de actos, algúns deles presenciais e a maioría en redes, para celebrar o Día Internacional da Violencia contra as mullres

Publicada o

- Advertisement -

O Observatorio da Mariña pola Igualdade (OMI) presentará este martes 24 o seu vídeo testemuñal ‘Elas Tamén Contan: voces de mulleres no rural‘, un traballo elaborado dentro da campaña de sensibilización sobre as violencias machistas no ámbito rural. Trala proxección da peza audiovisual haberá unha conversa/coloquio coas mulleres protagonistas. A presentación será ás 19.00 horas no Lugar das Marías, na Regueira (Xove).

“A nosa intención con este traballo é aumentar a concienciación social sobre a dimensión de tódalas violencias contra as mulleres e reflexionar dun xeito colectivo sobre as vulnerabilidades específicas das persoas que viven no rural”, comentan dende a directiva do OMI. A visualización deste traballo farase tamén polo 25-N ás 12.00 horas na casa da cultura de Trabada.

Así mesmo, dende a plataforma feminista informan da presentación do libro ‘Árbores que non arden‘, unha obra do Proxecto Batefogo elaborada por varias autoras sobre o papel das mulleres na prevención dos incendios forestais. A presentación contará coa presenza de Miguel Pardellas, coordinador deste proxecto conxunto e terá lugar o xoves 26 de novembro ás 19.00 horas no Casino de Mondoñedo. En caso de non poder asistir, poderase seguir en directo dende o Facebook do OMI.

Cartel da proxección do Observatorio. AXM

Para o venres 27, o Observatorio ten preparada a presentación de Madialeva, un relato gráfico sobre a realidade da muller no rural feito por Ana María Fernández Moreiras. O acto está programado para as 19.00 horas e será nas escolas vellas de Cervo e vía directo dende o Facebook do OMI.

“Indicamos tamén que, durante a celebración de tódolos actos, será necesario gardar as pertinentes medidas de prevención hixénico-sanitarias fronte a Covid-19, mantendo o debido distanciamento social e sendo obrigatorio o uso de máscara. Teremos os pertinentes dispositivos de hixiene a disposición das asistentes”, conclúe o OMI.

BARREIROS

O Concello de Barreiros sumarase por segundo ano consecutivo a ‘En Negro contra as violencias’. A edila de igualdade, Montse Porteiro, sinala que “estes días enviouse unha misiva ás empresas e entidades colaboradoras no 2019 para ofrecerlles asesoramento, material e cartelería sobre a campaña. A concelleira apunta que “as entidades, a veciñanza, e todo aquel que desexe participar na campaña, pode poñerse en contacto co Concello no número de teléfono 982.124.002, no que se informará dos pasos a seguir.

O 25 de novembro lerase un manifesto na Praza do Concello ás 12.00 horas. Porteiro reflicte a necesidade de “comezar desde as idades máis temperás a inculcar condutas baseadas na tolerancia, na diversidade e no respecto a todas as persoas, desbotando da sociedade estereotipos patriarcais que impiden avanzar na igualdade real entre homes e mulleres”. Dende o Concello de Barreiros animan a participar nos actos dunha maneira “visual e responsable”.

Presentación da campaña en Lourenzá. AXM

LOURENZÁ

A Praza do Conde Santo, en Vilanova de Lourenzá, acollerá un acto da campaña o vindeiro mércores ás doce do mediodía, cando se lerá un manifesto. As actividades foron presentadas hoxe, venres, pola alcaldesa, Rocío López, e a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Dengra.

A rexedora municipal anunciou que “ao longo de toda a semana a pancarta En Negro pendurará no balcón da casa consistorial e os Cocos de Lourenzá volverán vestir un ano máis de negro, para dar visibilidade a esta loita contra a violencia machista”.

Rocío López explicou que “neste ano as circunstancias marcadas polo Covid fai complicada a programación de actividades presenciais polo que dende o Concello invitamos a todos os axentes sociais e a toda a veciñanza en xeral a participar nesta campaña a través das redes sociais, tinguindo o noso concello de Negro. Poden descargar todo o material na web ennegrocontraasviolencias.gal ou ben chamando ao teléfono dos Servizos Sociais: 982.121.036. Os hashtag serán #EnNegroContraAsViolencias, #EnNegro2020, #GaliciaEnNegro, #QuerémonosVivas e #NonEstásSoa. A maiores de todo isto na páxina do Concello presentarase a foto e o vídeo do acto do 2019 contra a violencia de xénero da escola de patinaxe ED Lourenzá.

RIBADEO

O Concello de Ribadeo conmemora o día internacional contra a violencia cara ás mulleres con folletos, pancartas, máscaras e cuñas de radio. A campaña foi presentada pola concelleira de Igualdade, Mari Luz Álvarez Lastra, e outras representantes da Mesa Institucional de Violencia de Xénero de Ribadeo.

Presentación dos actos en Ribadeo. AXM

“Este 25 de novembro, día internacional contra a violencia cara ás mulleres, aparece solapado polos problemas acuciantes que desde principios de ano padecemos. A covid-19 non debe levarnos a esquecer ou a abandonar o resto das problemáticas sociais que existían e seguen pervivindo na actualidade. No sector da saúde a prioridade está a ser a pandemia. O sistema está colapsado, non sendo capaz de absorber máis cousas e as mulleres que viñan a contarlle á médica de cabeceira a súa problemática non o están a facer.  Por teléfono é diferente e pode coartar a que se sinceren. Estamos ante un momento no que hai unha parálise na captación das mulleres que padecen algún tipo de violencia machista. Só se está atendendo o máis visible e vixente do visible”, explicou a edil de Igualdade.

Álvarez Lastra expuxo que “este ano decidimos elaborar un folleto, que se enviará a todos os fogares do concello de Ribadeo, onde se contemplan os recursos existentes aos cales dirixirse e aproveitase para lembrar e facer un repaso polos diferentes tipos de violencia. Tamén houbo un concurso de deseño de máscaras nos centros de secundaria e no CIFP Porta da Auga. Así os deseños que foron considerados mellores poderán visualizarse no MUPI do Concello e nas redes sociais. E desde este venres até o 25 de novembro emitiranse na radio unhas cuñas elaboradas en colaboración co alumnado da asignatura de  coeducación de 1º de bacharelato do IES de Ribadeo.

CERVO

En Cervo, tal e como explica a edil de Muller e Igualdade, Pilar Armada, promoverase, en colaboración coa concellería de Educación e a asociación Mulleres en Igualdade de Cervo, “un certame de banda deseñada entre a comunidade escolar, instalaremos un Punto Lila de información no mercado semanal de San Cibrao e propoñemos un taller de achegamento entre mulleres”; con aforo limitado e respectando sempre todas as medidas de prevención fronte o Covid-19.

Convócase tamén un minuto de silencio o mércores, 25 de novembro, ás 12.00 horas, tanto na consistorio como na casa da cultura; que terá lugar de novo o xoves á mesma hora no mercado da Praza dos Campos en recordo das vítimas da violencia machista; e iluminaranse de morado os edificios públicos durante toda a semana.

As persoas interesadas en participar no obradoiro que que leva por título “ver para crecer” e que terá lugar o venres ás 17.00 horas na Casa da Cultura, poden inscribirse a través do correo xornadas25n@gmail.com ou no teléfono 982.55.77.77.

MONDOÑEDO

En Mondoñedo celebrarase unha xornada virtual a través das redes sociais do Centro de Información ás Mulleres. Así, o mércores 25 ás 12.00 horas farase público o manifesto “Mondoñedo di non á violencia de xénero”, para o que se contou coa colaboración dos centros educativos do Concello (Escola Infantil, CEIP Álvaro Cunqueiro Mora e IES San Rosendo-A Granxa).

Á hora indicada publicaranse nas redes sociais o vídeo editado para a ocasión. Poderase encontrar en Facebook (CIM Mondoñedo e CIM Concello de Mondoñedo), Instagram (@cimmondonedo), Twitter (@CimMondonedo) e Youtube (CIM Mondoñedo). Ese mesmo día 25, ás 20.00 horas, soarán as campás da catedral en recordo das vítimas de violencia de xénero deste ano 2020. Para evitar as aglomeracións, tamén será retransmitido en directo a través das redes sociais.

Mondoñedo. AXM

Ademais, durante esta semana recolleranse as mensaxes contra a violencia de xénero que a poboación queira deixar tanto a través das redes sociais como do correo electrónico cimmondonedo@yahoo.es. Estas mensaxes serán publicadas nas redes do CIM coas etiquetas #MondoñedodiNON e #25N2020.

BURELA E VIVEIRO

O lema da campaña deste 25-N en Ribadeo é ‘Que a violencia machista non che tape a boca. Alza a túa voz‘. No acto interviñeron tamén Dolores García e Teresa González, que falaron do traballo que desenvolven os profesionais dos centros de saúde e de ensino para loitar contra a violencia machista.

Preme neste enlace para coñecer os actos en Burela ou Viveiro, que anunciaron os seus actos con anterioridade.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...