InicioMovementos SociaisFachadas de morado e bancos de vermello polo 25-N

Fachadas de morado e bancos de vermello polo 25-N

Continúan os actos reivindicativos polo Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra mañá

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro conta desde hoxe co seu ‘Banco Vermello’, destinado a concienciar e dar visibilidade á loita contra a violencia de xénero. A iniciativa é un proxecto internacional cultural e pacífico de prevención, información e sensibilización contra o feminicidio. O seu obxectivo é facer reflexionar a quen vexa este símbolo, “porque o desenlace fatal é evitable se a violencia detense a tempo”.

A inauguración do banco na Praza da Habana, á que asistiu a concelleira de Muller, Lara Fernández Fernández Noriega, é unha das actividades organizadas polo Concello de Viveiro dentro da campaña ‘En negro contra as violencias’.

Mañá, día 25, haberá unha concentración silenciosa ‘En Negro’ ás 12:00 horas na praza Maior, onde se lerá un manifesto reivindicativo. “Este ano máis que nunca queremos sumarnos a esta campaña, xa que a violencia de xénero segue aí e incluso producíronse máis situacións e casos preocupantes polo confinamento derivado da pandemia”, asegura a alcaldesa de Viveiro. O día 27 o consistorio acollerá unha nova reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.

BURELA

A CIG convocou unha concentración conmemorativa do 25-N ante o Hospital da Mariña, a partir das 11.00 horas.

“O obxecto destas mobilizacións que se celebrarán simultaneamente en once localidades galegas é denunciar que pese a que pandemia puxo de manifesto que as tarefas de coidados son traballos esenciais para sociedade, non foron nin están a ser obxecto dunha protección especial durante a crise sanitaria, non se puxeron en marcha políticas públicas para reforzar e revalorizar as profesións relacionadas cos coidados, nin se lexislou para garantir os dereitos de coidados das persoas, porque foi o capital quen xestionou a crise sanitaria e quen ditou a resposta a esta. Desde a CIG esiximos que é preciso que se lle dean ás tarefas de coidados o valor real que teñen como traballos esenciais para a sociedade. Porque como versa o lema da campaña da nosa central sindical: Descoidar a quen coida é violencia machista“, argumenta o sindicato nacionalista.

XOVE

Tamén haberá actos polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres en Xove. Do 24 ao 30 de novembro iluminarase a fachada principal do consistorio e colocarase o lazo violeta; ademais, haberá unha mesa informativa na OMIX, con materiais para previr e detectar os diferentes tipos de violencia e guías informativas.

O 25 de novembro publicarase o manifesto contra a violencia de xénero e o vídeo da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia na páxina web do Concello.

RIBADEO

O proxecto ‘Eu quero ser coma’ da Concellaría de Igualdade de Ribadeo rematará estes días coincidindo coa celebración do 25N. Xurdiu o curso pasado coa finalidade de visibilizar ás mulleres e os seus logros ao longo da historia e tivo que parar coa chegada da pandemia do covid. As 38 persoeiras elixidas darán nome ás aulas de primaria e infantil do colexio público Gregorio Sanz e do colexio Sagrado Corazón. Foron editadas unhas placas co nome e coa ilustración de cada unha destas mulleres que lles van ser entregadas estes días aos centros de ensino, segundo deu a coñecer a edil de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra.

Algunhas delas son orixinarias da Mariña coma Maruxa Mallo, outras galegas como a primeira muller futbolista, Irene González, ou a primeira astrónoma galega, Antonia Ferrín, e outras de ámbito internacional como a cantante Violeta Parra, a precursora do wifi, HedyLamarr, ademais da atleta ribadense Ana Ferradás.

FOZ

AciaFoz-CCA está a colaborar co Concello na campaña En Negro contra as Violencias. A asociación está a repartir carteis do 25N entre as súas asociadas e asociados.

Desde AciaFozCCA o seu presidente, José Carlos Paleo, dixo que “o que pretendemos é concienciar á poboación desde os nosos establecementos sobre esta lacra social para entre todos facerlle fronte. Unímonos con este reparto de carteis á campaña que realiza o Concello de Foz para celebrar o 25N tinguindo de negro os nosos escaparates e os nosos negocios”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...