O Concello de Viveiro anuncia que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o municipio forma parte, acaba de pechar en Guinea-Bissau un proxecto que permitiu reforzar a capacidade de resposta do Goberno Rexional de Cacheu fronte a COVID-19. A intervención centrouse no reparto de material, na prevención e na seguridade alimentaria, beneficiando a 40.000 familias.
Tratábase do primeiro proxecto de cooperación directa impulsado polo Fondo Galego en Guinea-Bissau, na segunda rexión máis afectada pola COVID-19. Os elevados índices de analfabetismo e pobreza multiplican as probabilidades de propagación do virus en lugares como Cacheu, onde ademais as restricións decretadas para contelo dificultan a subsistencia dunha poboación xa carente de recursos.
Os concellos da asociación destinaron 10.000 euros a esta iniciativa, orzamentada nun total de 12.308 euros, que durante os seus seis meses de vixencia permitiu reducir levemente a incidencia do coronavirus na zona, en boa medida grazas ao compromiso de máis de 70 persoas voluntarias.
“A intervención en Guinea-Bissau coordinouse desde o Centro Operativo de Emerxencia en Saúde, que distribuíu os materiais de hixiene e protección á poboación desfavorecida. Deste xeito, proporcionáronse 2.500 máscaras, 630 barras de xabón, 612 bidóns de lexía, 72 baldes con billa e 80 botellas de xel hidroalcólico”, apunta o Concello de Viveiro nun comunicado.
A seguridade alimentaria era outra das principais preocupacións, dada a situación de crise e vulnerabilidade xerada pola pandemia, polo que se adquiriron 12.000 quilos de arroz para garantir o sustento de 1.240 familias.