A galería ribadense Terra Branca acollerá este venres, 14 de decembro, a presentación da Axenda Feminista 2019 do Observatorio da Mariña pola Igualdade, que está dedicada ás artistas visuais galegas.
Doce mulleres protagonizarán cadanseu mes do calendario, cunha imaxe súa, unha pequena entrevista sobre o seu traballo como artista e unha valoración con perspectiva de xénero.
Desde o colectivo feminista indican que o obxectivo é dar a coñecer o traballo de doce mulleres galegas en diferentes ámbitos, neste caso nas artes visuais. Noutros anos, a agrupación decantouse por profesionais do teatro ou a música, por exemplo.
A axenda custará 14 euros e poderá mercarse en librarías de toda Galicia. Na Mariña Lucense, estará á venta en Bahía (Foz), Nobel (Burela), Casa das Letras (Ribadeo) e Porta da Vila (Viveiro).
PRESENTACIÓN
O propietario de Terra Branca, José Ramón Leal, explica que “nos agradou a proposta de acoller a presentación porque a muller está moi presente nas nosas creacións”.
Leal anima “a asistir ao acto, no que contaremos con algunha sorpresa“. A presentación da Axenda Feminista celebrarase a partir das 20.00 horas.