InicioM.ambiente e PatrimonioA Xunta financiará 74 brigadistas na Mariña

A Xunta financiará 74 brigadistas na Mariña

Trece dos 16 concellos da bisbarra recibirán fondos do Goberno galego para a súa contratación

Publicada o

- Advertisement -

A Consellería de Medio Rural subvencionará a contratación de 74 profesionais que durante tres meses –desde xullo- reforzarán as brigadas contra incendios de trece concellos da Mariña Lucense, que se adheriron ao convenio de colaboración trianual coa Xunta de Galicia.

O Executivo galego ofrece financiación para a contratación de brigadas, a adquisición de camións motobomba e as rozas dos terreos que rodean núcleos habitados. No primeiro caso, acolléronse ao convenio da Xunta Alfoz (que contará con catro prazas), Burela (5), Cervo (10), Foz (5), Lourenzá (5), Mondoñedo (5), Ourol (5), Trabada (5), O Valadouro (10), O Vicedo (5), Viveiro (5), Xove (5) e Riotorto (5).

Os gobernos locais terán ata o 1 de xullo para realizar as contratacións. Ribadeo, Barreiros e A Pontenova decidiron non solicitar as subvencións para esta partida. O alcalde ribadense, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, expón que a extinción de incendións ten que estar “en mans de profesionais”. 

As brigadas actúan como primeira unidade de vixiancia e intervención en caso de incendios, tarefas que non se limitan só ao ámbito municipal, senón a todo o distrito. Tamén axudarán á prevención dos lumes con traballos de limpeza das faixas de xestión de biomasa en terreos forestais, ben de titularidade municipal, ben de propietario descoñecido.

MOTOBOMBAS

Doce concellos da bisbarra recibirán fondos da Xunta para a compra, mantemento ou actuación dos vehículos motobombas. Serán Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Vicedo, Viveiro e Riotorto. Pola operatividade de cada vehículo motobomba, o Executivo autonómico aboará 4.785 euros ao mes.

o valadouro reclama desde hai tres anos unha motobomba

O Valadouro quedará sen este servizo por terceiro ano consecutivo. O alcalde valadourense, o socialista Edmundo Maseda, resalta que o municipio, situado nunha “zona de risco, dependerá da motobomba doutros concellos, o que retrasa o tempo de resposta”. O rexedor láiase da “promesa incumprida” da Xunta de achegar “un aparato de segunda man” e asegura que “os responsables terán que dar explicacións aos veciños”.

MECANIZADOS

A última das modalidades incluídas no convenio tratáse da realización de rozas de xeito mecanizado en vías e camiños forestais e nas faixas de xestión de biomasa, para conter o avance do lume de producirse un incendio.

A Xunta sufragará estes traballos en 1.445 hectáreas, nos municipios de Alfoz (125), Barreiros (105), Cervo (80), Lourenzá (30), Mondoñedo (115), Ourol (90), A Pontenova (125), Ribadeo (110), Trabada (75), O Valadouro (70), O Vicedo (110), Viveiro (150), Xove (150) e Riotorto (110).

LEI DE INCENDIOS

Coa chegada do mes de xuño rematou o prazo para cumprir coa lei de incendios. A normativa estipula que os propietarios deben deixar unha faixa de protección de 50 metros a carón de vivendas ou edificacións. Maseda lamenta que, “tendo a Xunta as competencias neste ámbito, nos carguen esta responsabilidade aos Concellos, que carecemos de medios”. 

O goberno local de Ribadeo anunciou que a semana que vén un helicóptero fará reconto das parcelas nas que se cumpriu cos requisitos e das que non. O Concello buscou a través do Boletín Oficial do Estado (BOE) aos responsables de 160 terreos e abre un prazo de quince días para que os afectados acometan as talas. Senón, será o goberno local quen as faga cun cobro subsidario aos donos. “Non valen as desculpas. Traballemos agora para estar tranquilos despois”, argumenta o alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...