A CIG-Saúde informou o pasado xoves a través dun comunicado que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) dotará dunha cuarta praza médica en quenda de tarde e unha cuarta enfermeira ao centro de saúde de Viveiro a partir do 1 de abril.
O sindicato felicítase porque a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) atendese unha petición realizada “hai máis dun ano, nunha xuntanza celebrada en Burela con Ramón Ares”. Unha nova que é “froito da denuncia pública e da mobilización social”, sostén.
A central celebra que a dotación aliviará a “sobrecarga asistencial”, pois en Viveiro “hai facultativos con máis 1.800 pacientes na súa cota”, con 4.714 tarxetas sanitarias na quenda de tarde para tres facultativos.
FISIOTERAPIA
Con todo, CIG-Saúde reitera a petición de mellorar o equipamento, cubrir as ausencias e baixas de profesionais desde o primeiro día, e de atención fisioterapéutica en Viveiro na quenda de tarde, xa que só hai un especialista en horario matinal.
Isto provoca, avisa a central, “agardas de espera de ata un ano”, o que se “agravou” coa ruptura do concerto do Sergas cunha clínica privada, a principios de ano.