O alcalde da Pontenova e presidente da Deputación Provincial de Lugo, o socialista Darío Campos, precisou este mércores que a ambulancia medicalizada da Mariña Lucense, ubicada en Foz, atendeu 538 emerxencias na comarca e fixo 281 traslados de pacientes.
O responsable do executivo provincial afirma que se trata de “datos oficiais” que demostran a necesidade de manter a dotación completa -dous Técnicos de Emerxencias Sanitarias (TES), un médico e un enfermeiro– da Unidade de Vixilancia Intensiva (UVI) móbil da comarca, logo de que a Xunta de Galicia recortase un dos TES da ambulancia medicalizada no novo contrato de transporte sanitario urxente terrestre.
Campos subliña que sen a dotación de catro profesionais “sería imposible atender, cando menos, estas 530 emerxencias de 2018”. Así, o 65,7% dos servizos prestados pola ambulancia medicalizada mariñá foron primarios, unha cifra similar á calculada polos traballadores.
“DESMANTELAMENTO” DA SANIDADE PÚBLICA
O presidente da Deputación lamenta que a Xunta queira dedicar o servizo principalmente a traslados e a atender “o secundario das doenzas tempodependentes” que se produzan na bisbarra, cando “son máis as emerxencias que realiza e sen persoal son imposibles de atender”.
Para Campos, “este é un exemplo máis do desmantelamento da sanidade pública que está a facer o PP na nosa provincia, castigando, especialmente, aos veciños que somos da Mariña Lucense”. Así, lembra que a medicalizada de Foz é a única ambulancia de soporte vital avanzado das dez existentes en Galicia que perderá un técnico co novo modelo que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) pretende aplicar.
MÁIS DE 2.100 APOIOS CONTRA O RECORTE
Os traballadores salientan que as emerxencias que atenderon no 2018 producíronse en municipios de toda a comarca. Os técnicos continúan coas súas protestas contra o recorte e a súa recollida de sinaturas en Change.org para evitar a supresión da praza vai polos 2.107 apoios en dous días de campaña.