O Team Yeti foi o primeiro equipo en chegar a Viveiro e resultou gañador do Raid Gallaecia 2019. O cuarteto danés, un dos grandes favoritos segundo avanzara a organización, levou a terceira proba das series mundiais da especialidade, que pasa polos 16 municipios da Mariña Lucense, ademais de por Muras e Castropol.
O vencedor impúxose ao ARSWEDEN sueco nunha competición que demostrou o potencial dos países escandinavos na carreira extrema de aventuras. O terceiro posto foi para o Naturex francés, gañador do Raid Gallaecia 2018, celebrado en Ferrolterra.
A proba, que combina trekking, MTB, kayak, rappel, espeleoloxía e orientación -non se pode utilizar GPS nin reloxos que sintonicen o seu rastro-, segue para a maioría dos equipos participantes, tamén na competición por parellas.
ESCAPARATE TURÍSTICO
O evento serviu para dar a coñecer os atractivos da Mariña entre participantes de multitude de países, que pasaron polo Fuciño do Porco, o Faro de Punta Roncadoira ou a Praza da Catedral de Mondoñedo, entre outros lugares emblemáticos.