InicioPolíticaA campaña: Adriana Lastra compromete o impulso do Goberno para abrir Viveiro...

A campaña: Adriana Lastra compromete o impulso do Goberno para abrir Viveiro ao mar

A número 2 do PSOE asegura que o Executivo apoiará a rexeneración da marxe dereita da ría

Publicada o

- Advertisement -

A número 2 do PSOE, Adriana Lastra, comprometeu este xoves o apoio do Goberno central ao proxecto para abrir Viveiro ao mar. A vicesecretaria xeral dos socialistas participou nun acto electoral coa alcaldesa, a socialista María Loureiro, e outros cargos do partido, no que asegurou que o Executivo de Pedro Sánchez impulsará o proxecto da rexeneración da marxe dereita na ría.

A rexedora viveirense subliñou que a zona está “abandonada” e que o goberno local “pediu en varias ocasións a Portos de Galicia que nos cedera os terreos do peirao, pero sempre dixeron que non”. A candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía de Viveiro prometeu que “avanzaremos nos trámites para que a Xunta traspase estas parcelas e a zona do Casino, que imos humanizar para dotar dunhas pistas deportivas no casco urbán, para que Viveiro estea dunha vez por todas aberto ao mar”.

PP

Repoboar espazos verdes con especies autóctonas, impulsar a rede de abastecemento de auga potable ou acometer o saneamento da ría e a limpeza de dunas son as principais apostas no tocante ao medio ambiente do candidato do Partido Popular (PP) á alcaldía de Viveiro, Óscar Rodríguez.

A maiores, Rodríguez tamén se compromete a “desenvolver unha política real de eficiencia enerxética” para acadar unha cidade máis eficiente e sostible.

BNG

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Viveiro expuxo as súas propostas en materia de trasparencia. A candidata do partido frontista, Miriam Bermúdez, e mailo número 4, Iván Pena, explicaron puntos do programa neste apartado, como a retransmisión de plenos, a realización de xuntanzas abertas coa veciñanza ou a elaboración de bases “claras e públicas” para o acceso ao emprego público.

EN MAREA MONDOÑEDO

O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a candidata do partido instrumental ás eleccións europeas, Lídia Senra, visitaron este xoves Mondoñedo coa alcaldable Chus Amieiro. No casco vello da cidade participaron nunha concentración convocada polos pensionistas da Mariña Lucense.

Participación de En Marea na protesta dos xubilados. AXM

Senra comprometeuse a seguir traballando desde Bruxelas na defensa dun sistema público de pensións. “O primeiro que hai que facer desde a Unión Europea é retirar o Produto paneuropeo de pensións individuais, que fai que ter unha pensión digna dependa exclusivamente da capacidade de aforro das persoas”.

Na defensa dos dereitos dos maiores, Amieiro reclamou prazas públicas para o asilo, o centro de día e o centro de atención a persoas con alzhéimer, cuestións “básicas” dado “o baixo nivel de pensións que caracteriza á bisbarra”.

BNG DE BURELA

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Burela comprometeu un plan de mobilidade e seguridade viaria, co fin de “humanizar” o municipio.

A intención é que a redacción e a execución do plan sexa “progresiva”, comezando “pola realización dun estudo previo e a presentación do proxecto á Acia antes da súa tramitación e aprobación”, expuxo o candidato nacionalista, Mario Pillado.

Facilitar a accesibilidade das persoas con diversidade funcional, a consecución de rúas de prioridade peonil ou a dotación de carril bici son algunhas das propostas. Os nacionalistas presentarán este venres, ás 13.00 horas na Praza da Mariña, o seu programa.

VOX

Tamén en Burela, o candidato de Vox Alberto Rega prometeu no seu encontro coa Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (Acia) a construción de dous párkings e medidas de promoción do comercio local. 

PP DO VALADOURO

A construción dun centro de día e un polígono industrial son as principais medidas que o candidato do Partido Popular (PP) do Valadouro, José Manuel Lamela, inclúe no seu programa, co que agarda recuperar o goberno.

A posta en marcha dun local social de maiores e a loita pola incorporación dun pediatra para o centro de saúde son outras das propostas de Lamela, que presentou a súa candidatura na noite do mércores, nun acto no que participou a conselleira de Política Social, Fabiola García.

Candidatura do PP do Valadouro. AXM

PSOE DE FOZ

En Foz, o candidato do PSdeG-PSOE, Fran Cajoto, expuxo algunha das propostas do programa dos socialistas focegos en materia de educación. A máis novidosa, a creación dunha escola municipal de artes plásticas. O impulso do Cenima, a dotación dunha liña de axudas destinada ás familias con dificultades económicas para material escolar ou desprazamentos, a apertura da creación dunha pequeteca para que as crianzas adquiran hábitos de lectura ou a ampliación do horario da biblioteca para beneficiar ao estudantado son algunhas delas.

FOZ PLATAFORMA DE FUTURO

Tamén no municipio focego, Foz Plataforma de Futuro estableceu tres compromisos electorais. O candidato dos independentes á alcaldía de Foz, Luis Alfonso Sixto Legaspi, promete en primeiro lugar devolver a circulación da Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro ao seu estado orixinal. “O cambio actual complica a vida a residentes, veciños e visitantes”, asegurou.

A recuperación dun local social para maiores e a realización dun plan de impulso das parroquias son outras das promesas de FPF. “Os nosos veciños non nos piden mega obras, pídennos que os servizos básicos do día a día estean ben, poder ter unha boa cobertura de telefonía, poder recibir as sinais de televisión sen problemas, poder escoitar Radio Foz, cunetas limpas, estradas asfaltadas e un bo alumeado”, argumenta o alcaldable dos independentes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...