O PSOE de Ribadeo presentou este domingo a candidatura coa que concorre ás eleccións municipais e que encabeza Marta Rey, de 24 anos. “Correspóndenos a nós, á xente nova, construír un futuro mellor para Ribadeo”, asegurou a candidata.
Rey destacou que “chegamos a estes comicios cunha mochila baleira de cargas, de resentimento, de envexas, de corrupción, de débedas, de favores prestados a cambio de prebendas. Pero si vai cargada de ilusión, de proxectos, de imaxinación e sobre todo de vontade para construír un Concello que sexa dinámico, moderno, con servizos de calidade tanto para a xente nova coma para os nosos maiores, para as mulleres, para as pequenas e medianas empresas e para as persoas que viven no rural”.
A alcaldable dos socialistas ribadenses puxo en valor as achegas da Deputación de Lugo para a residencia de maiores ou a renovación do campo de fútbol Pepe Barrera.
BNG DO VALADOURO
A xestión dunha bonificación no recibo da luz, aproveitando os ingresos dos eólicos e tomando o exemplo de Muras é unha das propostas do BNG do Valadouro. Eduardo Chao encabeza a candidatura dos nacionalistas.
Outra das iniciativas a acometer é unha xestión do solo industrial baixo as premisas dunha ubicación apropiada e da procura das axudas das diferentes administracións. “Respecto a iso, hai que dicir que as parcelas como asentamento dun hipotético polígono industrial non foron mercadas grazas ás axudas de ningunha administración pública, senón cos ingresos xerados pola veciñanza”, expón Chao.
Axudas e incentivos a emprendedores; creación dun centro de día da terceira idade; a creación dunha praza de policía local para o control de plantacións e xestión das vías forestais; o acceso á vivenda; as axudas á infancia e á mocidade ou a creación dunha escola de música municipal son algunhas das propostas do BNG valadourense.
PP DE BURELA
O candidato do PP á alcaldía de Burela, Manuel Rouco, asegurou que o partido conservador “non aspira ser a chave de ningún goberno nin a ser muletiña de ningún outro partido”; senón que “defendemos o noso propio proxecto”, incidiu o alcaldable popular.
Rouco sinala que “somos os que fixemos oposición ao goberno burelés do PSOE e tamén os herdeiros da filosofía inversora e xestora do Partido Popular. Temos un proxecto cheo de ideas novas, disposto a escoitar aos veciños a traballar humildemente para o beneficio de todos se o vindeiro 26 de maio nos outorgan a súa confianza”, conclúe.
CxG BURELA
O candidato de Compromiso por Galicia (CxG) Burela, José Luís Moñita, asegurou que manterá conversas con todos os partidos para formar goberno, agás Vox, aínda que precisou que non conversará con Alfredo Llano, o candidato socialista, nin co número 2 da lista do PSOE, Ramiro Fernández Rey, aos que considera deslexitimados. Tamén ao alcaldable popular Manuel Rouco, “mentres non aclare se mentres exerceu como Xuíz de Paz traballou para a empresa pública Espeaga“.
SON VIVEIRO
SON Viveiro – SON En Común destaca a xuventude na súa candidatura, que encabeza Luís Manuel García Otero. “Remarcamos a autonomía e a capacidade da xente nova para desenrolar os seus propios proxectos. Elena (20 anos), Pablo (22 anos), Manuel (23 anos) e Menalia (25) traballan diariamente pola mocidade de Viveiro e pretenden empatizar co seu pobo facendo suxestións que, en todo momento, son froito das súas experiencias e inquedanzas”, sinala.
PP DE VIVEIRO
O candidato do PP á alcaldía de Viveiro, Óscar Rodríguez, difunde un vídeo de campaña no que se presenta á veciñanza e no que asegura que Viveiro “necesita saír da situación de letargo na que se atopa”.
BNG DE VIVEIRO
O BNG de Viveiro, cuxa lista lidera Miriam Bermúdez, mostrou as súas propostas no tocante ao deporte. Garantir a posibilidade de acceso á actividade físico-deportiva para todos aqueles que o demandaren, e coa adecuada supervisión técnica; impulsar a creación de escolas deportivas, así como a ampliación e diversificación da oferta ou habilitar roteiros deportivos urbáns e rurais son algúns deles.