InicioPolítica26-m: BNG de Cervo e PSOE de Riotorto presentan programas e Feijóo...

26-m: BNG de Cervo e PSOE de Riotorto presentan programas e Feijóo apoia a Óscar Rodríguez

Repaso das propostas dos distintos partidos de cara ás vindeiras eleccións municipais

Publicada o

- Advertisement -

O BNG de Alfoz difundiu os aspectos máis destacados do programa electoral da candidatura, que encabezará Lorenzo Gómez Dorado.

O desenvolvemento da rede de sumidoiros e as traídas de auga no rural, mellorar a cobertura de telefonía móbil e internet e garantir servizos básicos de transporte e de atención á dependencia son algunhas das propostas.

O diálogo cos axentes sociais e o asociacionismo, a promoción do comercio local e dos produtos de proximidade, e a aposta polos sectores forestal, madereiro e agrogandeiro, son outras das premisas do programa do BNG alfocego.

PSOE DE RIOTORTO

O PSOE de Riotorto presentou a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais, que encabeza José García Freije.

Francisco Fernández Veiga, Aitor Rey Díaz, Alberto Gómez López, Antonio García Mel, Gabriel Fernández Dasrribas, Jesús José Moirón Alonso, Víctor González Leivas, Hortensia García Freije, Daniel Bouso Rodríguez e María Elisa Lamas Díaz conforman o equipo socialista.

Candidatura do PSOE riotortense. AXM

García comprométese “a gobernar para todos os veciños, deixando atrás a política de amiguismos á que nos ten acostumados o PP. Apostaremos pola plena transparencia e facilitaremos o acceso á información e documentación pública do Concello, ao contrario do que sucede agora con numerosas trabas por parte do goberno municipal”, sinala.

A rebaixa do IBI do 0,65 ao 0,4; a ampliación do número de horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o fomento do emprego ou un maior orzamento para a Feira da Artesanía do Ferro son algunhas das propostas do PSOE riotortense.

BNG DE CERVO

O BNG de Cervo presentou en Youtube dous vídeos dos cinco nos que adiantará ata o remate da campaña “medidas concretas e realistas” para mellorar o municipio. As propostas articúlanse derredor de “cinco ideas transformadoras para modernizar, dinamizar, recuperar poboación, facer un concello máis sustentable e orgulloso dos seus recursos naturais e culturais, feminista, democrático, e que teña por bandeira a xustiza social”, afirmou o candidato Diego Fernández.

Fernández asegura que quere “acabar co reparto de favores e compra de vontades dos gobernos do PP desde hai vinte anos” e aspira a cambiar a “realidade que padece o concello, que obriga á marcha forzada fóra do lugar de orixe para poder gañarse a vida”.

Fernández, de 32 anos, presidente do comité de empresa de Cyrgasa, está acompañado do sindicalista Xorxe Caldeiro (2); a audióloga Carmen Ventoso (3); o concelleiro e traballador de Alcoa Ibán Sánchez (4); Mariló Castro; Xaquín Pérez; Tareixa Lorenzo; David Villares; Olga Castro; Pablo Lourenzo e Rosa Otero. Como suplentes completan a lista Sindo Folgueira, María Xosé Prado, Samuel Pazos, María Fernández Rei e Ramón Luís Bernardo.

CxG RIBADEO

Compromiso por Galicia (CxG) Ribadeo propón unha reforma urxente na rede de saneamento na zona rural e na rede da traída da auga de todo o municipio “para evitar que Ribadeo quede sen auga potable o día menos pensado”.

O candidato da formación, “Suso Villalba”, sinala que “as tubaxes da traída da auga son actualmente de fibrocemento e o día menos pensado romperán, deixando sen subministro de auga potable a todo o municipio”.

PP DE VIVEIRO

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, argumentou nunha visita a Viveiro para apoiar a candidatura de Óscar Rodríguez que os alcaldes que obteña o partido que preside “gobernarán sendo libres e só debéndose á veciñanza; só renderán contas ante os cidadáns. Queremos rexedores que non lle deban nada a formacións políticas, senón aos veciños”, afirmou.

Acto de Feijóo en Viveiro. AXM

Así, Feijóo apuntou que, “aínda que socialistas, nacionalistas e populistas se presentan a estas eleccións en tres listas diferentes, realmente son un mesmo candidato e un mesmo goberno. O PPdeG si ten candidato, equipo, programa, proxecto e propostas que responden ás necesidades de cada concello”, aseverou.

Con todo, fixo fincapé en que o vindeiro domingo, nas eleccións xerais, “non se elixe entre siglas ou ideoloxías, senón a un veciño” e amosouse convencido de que “se os indecisos coñecen os candidatos e os programas votarán ao PpdeG”.

PSOE DO VALADOURO

O alcalde do Valadouro e candidato do PSdeG-PSOE, Edmundo Maseda, anunciou este martes que os veciños do Valadouro disporán dunha nova piscina para cativos grazas ao financiamento de Deputación e Concello.

Maseda afirmou que “son unhas obras moi necesarias coas que se dá resposta a unha necesidade real dos veciños, pois nas instalacións públicas da piscina municipal non dispoñían dun vaso para rapaces. As obras, que están a piques de ser contratadas con 30.000 euros, estarán listas a finais de xuño“, expuxo.

Maseda e Darío Campos, onde se ubicará a piscina. AXM

As obras consisten na construción dunha piscina dun só vaso nun espazo de 60 metros cadrados, de dez por seis metros e dunha profundidade de 0,5 metros a 0,8, dirixida ao chapoteo ou á natación. Ademais, e por motivos de seguridade, atópase a unha distancia de doce metros da piscina grande.

PP DE BARREIROS

En Barreiros, o alcaldable e candidato do PP Alfonso Fuente Parga, anunciou nunha visita do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, que solicitará unha nova zodiac para renovando as dúas existentes. Farao con cargo á liña de axudas que vai convocar en breve a Dirección Xeral de Emerxencias.

VOX

O alcaldable de Vox Burela, Alberto Rega, reuniuse con representantes da Asociación Unificada de Gardas Civís (AUGC), que denunciaron “o abandono” que sofre o cuartel polas institucións. “Fincas sen rozar, contedores de lixo insuficientes, inexistencia de prazas para persoas con mobilidade reducida e unha iluminación escasa” son as carencias que enumera o partido de ultradereita.

BNG DE VIVEIRO

A candidata do BNG á alcaldía de Viveiro, Miriam Bermúdez, propón unha política tributaria “máis xusta e equitativa”.

Os nacionalistas queren aplicar criterios de xustiza social no ámbito da fiscalidade municipal, cun plan de pago personalizado de impostos municipais para facilitarlle á veciñanza afrontar recibos fraccionadamente a través de ingresos periódicos (mensual, bimestral ou semestral) a conta da débeda anual estimada correspondente a calquera dos recibos de padrón: IBI, IAE, IVTM e as taxas pola recollida de lixo. Ademais, bonificaranse as cotas a pagar. 

DEBATE EN FOZ

Os cinco candidatos á alcaldía de Foz para as eleccións municipais que se celebrarán este domingo debaterán este mércores na emisora de radio municipal, Radio Foz, a partir das doce do mediodía.

No debate, que será emitido en directo a través do 107.4 da FM, participarán: Javier Jorge Castiñeira (PP), Francisco Cajoto Caserío (PSOE), Luis Alfonso Sixto Legaspi (FPF), Francisco Xavier Fanego Bermúdez (BNG) e Damián Sánchez Bermúdez (CxG).

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...