InicioEconomíaAdmitida a demanda de conflito colectivo da UXT contra Sargadelos

Admitida a demanda de conflito colectivo da UXT contra Sargadelos

O sindicato denuncia o incumprimento do convenio laboral en relación coas 49 obreiras que entraron a traballar nos últimos anos, que non perciben unha das tres pagas extraordinarias

Publicada o

- Advertisement -

O Xulgado do Social Número 1 de Lugo admitiu a trámite a demanda de conflito colectivo interposta pola Unión Xeral de Traballadores (UXT) contra Sargadelos polo presunto incumprimento do convenio laboral.

A situación que motiva a demanda do sindicato socialista ten relación coas 49 obreiras que entraron a traballar no últimos dous anos na fábrica de cerámica que o grupo empresarial ten en Cervo.

Segundo expón a central na súa solicitude, estas empregadas están a recibir “un trato pexorativo” por parte da empresa ao non percibir “unha das tres gratificacións extraordinarias -a de marzo-, substituta da antiga paga de beneficios, e que está recollida no convenio colectivo de aplicación”.

O pasado 2 de novembro celebrouse un acto de conciliación por este mesmo motivo que rematou sen avinza.

CC OO, CIG E A PATRONAL, CITADOS

Así, o xuíz cita ás partes demandante e demandada a un novo acto de conciliación, o vindeiro 10 de xullo ás 11.45 horas, previa ao xuízo -previsto para as 12.00- que se celebrará de non haber acordo.

O maxistrado cita en calidade de interesados ao Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CC OO), á Confederación Intersindical Galega (CIG) e á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

DETONANTE

As diferenzas na aplicación do convenio colectivo semellan o detonante, non a causa, do conflito laboral que estalou en Sargadelos o pasado 17 de agosto, cando o conselleiro delegado do grupo empresarial, Segismundo García, anunciou 49 despedimentos -precisamente das obreiras que se incorporaron máis recentemente- se continuaba “a presión sindical” que exercía a ex delegada da UXT, Rogelia Mariña.

A tensa relación entre a sindicalista e o empresario remontábase a anos anteriores, cun cesamento da obreira que foi frustrado pola Xustiza.

No pasado mes de agosto, García sinalou a Mariña, acusándoa de ameazalo con presentar unha demanda por conflito colectivo, mentres que a ex delegada e o sindicato resaltaron que non había nada interposto. O propio conselleiro delegado admitiu publicamente irregularidades neste aspecto. CARTA

VINTEÚN DESPEDIMENTOS

Sargadelos cesou neste contexto 21 obreiras. Seis o 17 de agosto; catro o 20; tres o día 21; outras tres o 22; dous o 24; un o 29 e outras dúas o 13 de setembro. Alomenos oito foron readmitidas. O TSXG considerou a actitude do conselleiro delegado constitutiva de vulneración da liberdade sindical.

A EX DELEGADA DA UXT, DESTITUÍDA

O pasado 14 de setembro, a asemblea de persoal de Sargadelos destituíu á sindicalista sinalada polo máximo accionista. As compañeiras de Mariña, que negaron sempre unha suposta tutela por parte do empresario, pediron ao sindicato que “non complicase máis a situación”.

A demanda da UXT aceptada a trámite polo xuíz expón que estas traballadoras “teñen un trato salarial pexorativo e discriminatorio con respecto a aquelas que fan o mesmo traballo, unicamente polo feito do seu posterior ingreso na fábrica”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...