InicioPolítica26-m: Castiñeira pide o voto para o PP de Foz "contra o...

26-m: Castiñeira pide o voto para o PP de Foz “contra o tripartito”

Repaso das propostas dos partidos e actos electorais durante este mércores, a catro días das eleccións municipais

Publicada o

- Advertisement -

O alcalde e candidato do Partido Popular (PP) de Foz, Javier Castiñeira, asegurou este mércores no mitin central da campaña dos conservadores que a súa lista é a única que “garante un goberno estable” pois “a alternativa é un tripartito”.

O Plan Xeral, a humanización do centro da capital municipal, a posta en marcha da residencia de maiores ou a creación do Centro de Interpretación de San Martiño de Mondoñedo, ou o incremento dos dependentes atendidos -de 25 no 2011 a 100 no 2019-” son algúns dos “logros” citados polo alcaldable popular nos seus oito anos de goberno.

Nun acto que contou coa presenza do secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, Castiñeira remarca “a frescura” da súa lista, á que se incorporaron “cinco independentes para ter un equipo plural e amplo”.

A construción da depuradora e do auditorio son os principais proxectos que inclúe o programa do PP focego.

PSOE DE LOURENZÁ

A rexedora de Lourenzá e candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía, Rocío López, destacou entre os proxectos do seu programa a construción dun campo de fútbol de herba artificial en Santa Cruz; a dotación de pistas de atletismo en Recemil; a remodelación da estrada da “ruta do colesterol”; a creación dunha área para autocaravanas; a ampliación e mellora do depósito de augas de Soutelo ou a construción de novos abastecementos.

Nun mitin no que participaron o presidente da Deputación, Darío Campos, e o ex deputado socialista Ismael Rego, López subliñou que “promover a rehabilitación do Mosteiro de San Salvador coa finalidade de darlle unha utilidade pública ou residencia de maiores” son outras dos seus obxectivos. Tamén solicitar que se lle dedique ao laurentino Francisco Fernández del Riego o Día das Letras Galegas no 2021.

Mitin do PSOE de Lourenza. AXM

No 2015 acadamos un compromiso con todos os laurentinos para deixar atrás a etapa de crise económica na que sumiu o PP ao noso Concello. Nestes anos cumprimos, levando melloras a parroquias que estaban abandonadas”, asegurou López.

SON VIVEIRO

Son Viveiro-En Común propón a creación dun parque infantil cuberto, que poida utilizarse tamén en inverno.

Os cinco primeiros candidatos de Son Viveiro. AXM

A candidatura que lidera Luis Manuel García Otero asegura que se trata dunha iniciativa “con gran apoio popular”, e lembra que o partido de esquerda levouna a pleno no 2015 en forma de rogo, sen que “fose satisfeita”.

PP DE BURELA

Nunha reunión coa directora xeral de comercio, Sol Vázquez, o candidato do PP burelao, Manuel Rouco, propuxo unha solución conveniada pioneira entre Acia Burela, Consellería de Comercio e Concello de Burela, para “acadar unha subvención continuista no tempo” para a asociación de comerciantes.

Xuntanza de Rouco con Sol Vázquez. AXM

“Con este triple convenio, as axudas para o comercio local de Burela, cando menos, poderían chegar a triplicarse“, afirma o alcaldable conservador.

BNG DE RIOTORTO

Axudas anuais para rebaixar a tarifa eléctrica das familias máis necesitadas, aproveitando os ingresos do parque eólico A Pastoriza; recuperar a gratuidade do Servizo de Axuda a Domicilio; achegas de 100 euros para as familias con crianzas matriculadas no colexio; ou subvencións para o transporte das que se beneficiarán estudantes de Bacharelato son algunhas das iniciativas que o BNG de Riotorto está a explicar polas parroquias.

Luis Fernández, candidato do BNG á alcaldía de Riotorto. AXM

A fin de deter a sangría demográfica, a candidatura nacionalista, que encabeza Luis Fernández, aspira a “crear as condicións para que a veciñanza poidan vivir no concello”. Así, tamén propoñen incentivar a produción ecolóxica e tradicional nas explotacións agrogandeiras do municipio.

POR VIVEIRO

Unha representación de Por Viveiro formada por Bernardo Fraga, Manolo Galdo e Ana Gómez, reuníuse coa Asociación de Veciños de Xunqueira, á que expresaron o seu apoio para conseguir unha solución para o seu barrio.

En palabras de Fraga, “nin chegaron as axudas prometidas polo Goberno central do PSOE, nin a Xunta de Galicia do PP achegou nada a nivel económico. Reclamamos unha solución inmediata”, concluíu.

Xuntanza de Por Viveiro coa veciñanza de Xunqueira. AXM

Por Viveiro tamén se xuntou coas asociacións deportivas, ás que prometeu que o deporte “será unha prioridade” para o partido independente se goberna o municipio.

PP DE RIBADEO

O PP de Ribadeo proxecta a creación da Casa da Música e un Conservatorio no edificio do antigo colexio das monxas. A número 2 da lista que lidera Daniel Vega, Elisa Rodríguez Sanjurjo, sinala que este inmoble sería “a sede da Escola de Música e Danza, da Coral Polifónica e da Banda Municipal”, entre outras agrupacións.

Rodríguez Sanjurjo asegurou que “debemos dar un paso adiante e profesionalizar os estudos que actualmente se realizan en Ribadeo creando un Conservatorio, o que lle dará ao alumnado a oportunidade de acreditar a súa aprendizaxe e evitar ter que desprazarse da nosa localidade a outras”.

BNG DE VIVEIRO

Promoveremos iniciativas para exixir a mellora das estradas autonómicas e as vías de conexión directa coa autovía AG-64 (Vilalba-Ferrol) e coa VAC Costa Norte (CG-1.3 e CG-2.3), claves para o desenvolvemento socioeconómico do municipio e o seu futuro”, expuxo o número 2 da candidatura do BNG de Viveiro, Seve Salgueiro.

Acadar un tren de proximidade, ou a realización dun plan de supresión dos puntos negros en Viveiro -a travesía de Covas ou Landrove son dous exemplos- son outras das iniciativas comprometidas polos nacionalistas viveirenses no tocante ás infraestruturas.

Miriam Bermúdez, candidata do BNG de Viveiro. AXM

No tocante ao turismo, os nacionalistas prometen potenciar a ría de Viveiro como forma de “converter o concello nun destino turístico con selo propio”.

PSOE DE BURELA

O alcalde de Burela e candidato socialista, Alfredo Llano, mantivo un encontro coa subdelegada do Goberno central e co responsable da Área de Fomento no que demandou un enlace da autovía Barreiros-San Cibrao co Hospital Público da Mariña.

Xuntanza de Llano coa subdelegada de Goberno, Isabel Rodríguez. AXM

Llano precisou que “está a punto de rematar a fase de alegacións do tramo Barreiros-Foz, e o que vai de Foz a Burela está no período de información”. Así, considera que sería unha conexión “moi importante para cando chegue un momento de urxencias, para ir pola autovía e comunicarse inmediatamente co hospital, e ao mesmo tempo tamén lle damos un enlace da autovía á vila. Quedaron en que van estudalo tecnicamente”, concluíu.

Na xuntanza tamén reclamou nova cartelería na A-8, que indique por unha banda a Mancomunidade de Municipios da Mariña e por outra que se mellore a existente que contén información sobre o Hospital da Costa.

PP DE VIVEIRO

Óscar Rodríguez, candidato do PP de Viveiro, compromete facer do municipio un ‘Concello Emprendedor‘ para atraer empresas e crear postos de traballo.

Entre os “beneficios” que supón, afirma o alcaldable dos conservadores, está “unha maior simplificación administrativa con bonificacións de ata o 95 % no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes. Tamén facilidades de acceso a solo industrial: concesión das licenzas de obra maior nun prazo máximo de 30 días naturais desde que dispoñen de todos os informes, así como máis incentivos fiscais”, conclúe.

CIUDADANOS BURELA

Ciudadanos Burela, cuxa candidatura ten á fronte a Manuel Vicente, comprométese a realizar un Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de chegar ao goberno local. A formación liberal entende que este proxecto debe ser unha ferramenta “fundamental” para a vertebración do municipio e que “as loitas e intereses dos socialistas non fixeron máis que empeorar a situación do concello neste aspecto”.

Manuel Vicente. AXM

A limpeza dos viais, a xestión dos residuos, o mantemento de parques e xardíns e a mellora da accesibilidade no municipio “son algúns dos principais aspectos urbanos que máis se teñen que mellorar”, expón Vicente.

PSOE DE VIVEIRO

A rexedora e candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía de Viveiro, María Loureiro, asegurou sobre a participación de Alberto Núñez Feijóo na campaña electoral, que “é indignante que o presidente da Xunta asegure que arranxará a estrada que vai a Cabreiros se sae alcalde o candidato do PP, cando sabe que non o vai a cumprir porque non aparece nada nos orzamentos autonómicos”, afirmou.

Feijóo xa non disimula. Confesa abertamente que leva unha década discriminado e castigando aos veciños de Viveiro porque é o PSOE quen goberna. É dun sectarismo e un caciquismo preocupante que o presidente de todos os galegos conciba a política desta maneira”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...