As eleccións municipais de 2019 deixaron en Viveiro resultados similares ás de 2015. A socialista María Loureiro renovou a confianza dos votantes e será catro anos máis a alcaldesa do municipio, aínda que non alcanzou os nove edís que dan a maioría absoluta no concello viveirense.
O PSdeG-PSOE sumou 3.781 votos, o 45,41% do escrutinio. Así, os socialistas teñen un lixeiro retroceso en canto a votos -perden 77-, co que conseguen oito concelleiros.
O PP, cuxa candidatura encabezou Óscar Rodríguez, amortigou as consecuencias da crise interna que estalou nos últimos meses coa demisión de tres edís, entre eles o ex líder do partido a nivel local, Antonio Bouza.
A formación conservadora segue a perder votos, aínda que mantén os cinco edís na corporación. Se no 2015 obtivo 2.284 sufraxios, 1.182 menos ca no 2011 (3.446), cando foi a lista máis votada no municipio, nestes comicios só acadou 2.117, un de cada cinco escrutados.
Por Viveiro, o partido independente xurdido do grupo de non adscritos e liderado por Bernardo Fraga, acadou 1.178 apoios (14,15%), que lle dan dous edís.
O BNG, tralo cisma dentro do partido que lle supuxo perder a representación, terá unha concelleira, Miriam Bermúdez. Un total de 619 persoas respaldou aos nacionalistas. Son Viveiro En Común, lista que liderou Luis Manuel García Otero, mantivo o edil acadado en 2015, con 450 votos, o 5,4% do total.
Compromiso por Galicia (CxG), candidatura que tivo ao frente a Alba Sanjurjo, obtivo o respaldo de 78 cidadáns, polo que quedou lonxe de acadar unha acta na corporación municipal viveirense.