A asociación Mariña Patrimonio (MP) denunciou perante a Consellería de Cultura e mais no Concello de Cervo as intervencións que se están a desenvolver na fachada do edificio circular da fábrica de Sargadelos, que segundo a agrupación non contan coa autorización da Xunta de Galicia nin coa licenza municipal.
MP lamenta que o pintado que está a acometer a empresa tanto na cornixa do edificio como nas columnas, zonas que o arquitecto dispuxo co formigón á vista, “está a transformar e desvirtuar o emblemático edificio de Sargadelos”.
Segundo a información da que dispón a asociación denunciante, os traballos que se están a realizar na fachada do edificio “non contan coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura nin coa necesaria licenza municipal”.
Por todo isto, MP considera que cómpre unha “inmediata paralización das actuacións” que se están a realizar na fábrica de Sargadelos e reclama que se traballe para “volver ao estado orixinal a fachada deste importante ben patrimonial”.
BIC DESDE 2014
O complexo industrial foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento en 2014. Trátase dunha obra do arquitecto Andrés Fernández – Albalat que se construíu no 1968 por encargo de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane.
O colectivo lembra que o arquitecto coruñés, recoñecido como a figura máis salientable da modernidade na arquitectura galega do século XX, “segue vivo e dubidamos de que alguén lle preguntase a súa opinión”.
SEN RESPOSTA DA EMPRESA
Xornal da Mariña consultou ao conselleiro delegado de Sargadelos, Segismundo García, sobre as obras e se socilitou permiso para realizalas, pero o máximo accionista do grupo empresarial non quixo facer declaracións nin aclarar ningún punto ao respecto.
“INCUMPRE” AS NORMATIVAS LABORAL E PATRIMONIAL
As frontes abertas acumúlanse para a dirección da empresa, que afronta varios pleitos interpostos pola Unión de Xeral de Traballadores (UXT). O pasado 15 de maio, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou a Sargadelos por vulnerar o dereito sindical.
Están por resolver demandas por conflito colectivo e de catro traballadoras por presuntos despedimentos nulos. Tamén a impugnación da asemblea que destituíu a ex delegada da central socialista Rogelia Mariña, sinalada por García.
Pendente de xuízo por incumprir supostamente o convenio laboral en relación coa paga extraordinaria de marzo de 49 traballadoras, o grupo empresarial é acusado agora tamén de non respectar a normativa patrimonial.
REUNIÓN COAS TRABALLADORAS
Neste senso, o conselleiro delegado mantivo unha xuntanza o pasado luns coas traballadoras. Consultado ao respecto, non quixo facer declaracións.
Fontes do persoal de Sargadelos aseguraron que García insistiu na reunión en que “non ampliará capital” para facer fronte a posibles indemnizacións se prosperan os pleitos interpostos pola UXT e as traballadoras despedidas, unhas sancións económicas que cifrou en torno a 200.000 euros.
Segundo as mesmas fontes, García non propuxo ao persoal cofinanciar o pago das multas nin tampouco tramitar conxuntamente unha demanda contra o sindicato por presunto “acoso e persecución”, como recolleu El Progreso, de xeito que as traballadoras non valoraron esas posibilidades.
As fontes consultadas si reiteran que “a maioría” do persoal “sabe o que asinou desde o primeiro momento” e quere “que retiren canto antes” os pleitos xudiciais interpostos tras estalar o conflito laboral na fábrica o pasado 17 de agosto, cando García anunciou 49 despedimentos se Mariña non cesaba “a presión sindical”. Neste contexto e ata o 13 de setembro, un día antes de que a sindicalista da UXT fose destituída polas súas compañeiras, o conselleiro delegado despediu a 21 traballadoras.