EFE. O actual presidente da Deputación de Lugo en funcións e alcalde da Pontenova, Darío Campos, confirmou este martes que, malia as informacións que sitúan ao alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, como aspirante a presidir a institución, será o candidato socialista para dirixir o ente provincial durante outros catro anos, sempre que fructifiquen as negociacións entre o seu partido, o PSdeG-PSOE, e o Bloque Nacionalista Galego (BNG).
“Creo que nunca se dubidou neste aspecto. Parece que á prensa lle interesan máis os díxome-díxomes que o que realmente pasa. Sempre estiven tranquilo. Dixen que ía ser o candidato, porque o mereciamos, polo traballo que fixemos nestes últimos catro anos. Seguiremos a traballar polos veciños da provincia, para mellorar a súa calidade de vida”, afirmou Campos.
De feito, sostivo que se sinte “orgulloso” do traballo realizado durante o último mandato á fronte da Deputación, porque “ningún veciño da provincia pode dicir” que non chegaron ao seu municipio fondos da institución provincial. “Podo ir coa cabeza alta a calquera concello de Lugo, mentres que outras Administracións non poden dicir o mesmo“, argumentou.
DOUS POSIBLES ESCENARIOS
No tocante á posibilidade dun pacto co BNG para formar goberno na Deputación, Campos lembrou que el “sempre” foi “capaz de negociar. Tentaremos chegar a un acordo co Bloque para que gobernen as forzas de esquerda, que ao final son as máis votadas na provincia. Neste sentido, creo que gañamos todos”, expuxo Campos.
Con respecto á fórmula para chegar a un acordo cos nacionalistas, afirmou que iso “aínda hai que estudalo”, porque se presentan dous posibles escenarios; ou ben un pacto para formar un goberno de coalición ou ben un acordo para favorecer a investidura.
NECESIDADE DUN GOBERNO “MÁIS ESTABLE”
En todo caso, e tralas dificultades no último mandato, Campos cre que esa negociación ten que ir orientada “a acadar un executivo máis estable“.
O BNG DI QUE “NON HAI NADA DECIDIDO”
O BNG, pola súa banda, di que “non hai nada decidido” sobre a posibilidade de pactar co PSOE, que ten dez deputados provinciais, por tres dos nacionalistas e doce do PP.
A formación frontista abordará este mércores na reunión da Executiva nacional que decisión tomar ante posibles pactos a nivel municipal e provincial.