O comité de empresa de Alcoa San Cibrao mantivo este venres unha reunión coa dirección do complexo industrial da multinacional en Cervo, que non aclarou a situación da fábrica de aluminio dentro do plan de axuste para cinco anos anunciado pola compañía, un proxecto que prevé o peche de plantas e a redución da produción noutras instalacións.
Aínda que os sindicatos confirman que “a día de hoxe” Alcoa “aínda non puxo ningún nome enriba da mesa”, a dirección da factoría sancibrense si comunicou os criterios que manexa a multinacional para decidir en que plantas aplicará o plan de axuste: “dificultades polas que pasan e posibles solucións, competitividade, enerxía e custes“, resumiron os representantes dos traballadores.
O comité tamén indica que Alcoa “non aclarou cando tomará máis medidas” en San Cibrao, despois de parar 32 cubas e recortar un 11% a produción na planta de aluminio, que a empresa ve inviable sen unha enerxía máis barata.
O COMITÉ: “SOBRA DESTACAR A GRAVIDADE DA SITUACIÓN”
O comité sostén que “sobra resaltar a gravidade da situación”, que cualifica de “emerxencia“. Así, remarca que “só o Goberno central o pode solucionar concretando medidas que poñan o prezo da enerxía ao nivel doutros países da Unión Europea“.
Deste xeito, os traballadores piden de novo á Mariña Lucense o seu apoio na concentración prevista o vindeiro xoves, ás 20.30 horas, na Praza do Concello de Burela. Os sindicatos agradecen tamén a Federación de Comercio A Mariña (FCAM) o xesto de enviar 5.000 cartas -unha por cada emprego que xera a agrupación- ao Executivo central para reclamar solucións aos problemas da factoría de aluminio.
LLANO CHAMA A PARTICIPAR NA CONCENTRACIÓN DO DÍA 24
Neste sentido, o alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, asegurou que “teño a confirmación da asociación de comerciantes da vila de que nos axudará, e quero facer un chamamento á xente do municipio a que participe na concentración”.
“A presenza solidaria de todo o mundo da comarca debe ser significativa para acadar o obxectivo que temos, que non é outro que siga a factoría producindo, que siga mantendo os postos de traballo e que siga sendo algo tremendamente importante na vida socioeconómica da nosa comarca”, concluíu.
CONDE DI QUE A POSICIÓN DE SAN CIBRAO É “LÍMITE”
O conselleiro de Industria, Francisco Conde, asegurou que “estamos nunha situación crítica. Alcoa traslada uns resultados que non permiten ser optimistas dende o punto de vista da empresa e nomeadamente dende San Cibrao”.
“Alcoa leva moitos meses, un ano en concreto, trasladando e advertindo de que en España non hai un prezo competitivo para producir aluminio primario; é o mesmo tempo que o Goberno leva sen dar unha solución a través do estatuto de consumidores electrointensivos”, expuxo o conselleiro.
Conde argumentou así que a “inacción” do Executivo central “está poñendo a planta de Alcoa San Cibrao nunha situación absolutamente límite, e nós pedímsolle que non nos leve ao desmantelamento industrial dunha comarca como A Mariña e dunha provincia como Lugo”.