Sargadelos presentou este xoves na planta circular de Cervo o seu primeiro perfume, ‘Brétema‘.
A fragancia, creada por perfumeiros franceses a partir da orientación da marca galega, é de utilización unisex e vén envasada nun botixo de cerámica de 85 mililitros, que se atopa xa á venta na web de Sargadelos e nas tendas da empresa e desde o luns tamén nos establecementos de Perfumerías Arenal.
A deseñadora de Sargadelos Sara Isabel Méndez Toriza explicou que o envase está baseado “na nosa rica tradición de alfarería”, e sintetiza “os catro elementos necesarios para a elaboración de cerámica -auga, aire, lume e terra-, unidos a clásicos da simboloxía da marca, como o trisquel ou o labirinto. Somos das poucas produtoras de porcelana que cocen a máis de 1.400 graos, o que nos dá ese azul cobalto característico, a intensidade da cor”, explicou.
O ENVASE, RECARGABLE
Cada botixo, cun prezo de 121 euros, será envasado un a un, e dado que o frasco se considera unha peza única, pois “non hai envases de porcelana que conteñan aromas”, aqueles que merquen poderán repoñer o perfume nas tendas de Sargadelos por un prezo de 39 euros.
Ao longo da presentación proxectouse un vídeo no que se resumiu a fabricación do envase de porcelana do perfume: deseño, tallado, preparación de moldes e lascas, recheo, desmoldeado, primeira cocción a 800 graos, aplicación de cor, baño e última cocción a máis de 1.430 graos. Os asistentes ao acto tamén puideron ver o spot promocional, con imaxes do Paseo dos Namorados, entre outros lugares.
Ademais, houbo unha performance similar á do primeiro anuncio publicitario da marca, ademais dun concerto de jazz.
TENTA RECREAR “A MAXIA E MISTERIO” DA NÉBOA
No tocante á esencia, Méndez Toriza asegurou que é o resultado de “máis dun ano de traballo, moi laborioso, pero cremos que está á altura de calquera perfume do mercado”.
“Procuramos atrapar nun botixo un dos fenómenos meteorolóxicos máis característicos de Galicia, a brétema, esas formacións nubosas que aparecen e desaparecen en calquera momento e lugar de xeito inesperado, regalando misterio e esplendor. Sargadelos tenta mostrar ao mundo como é a nosa terra, esa maxia e misterio”, sintetizou.
O máximo accionista de Sargadelos, Segismundo García, precisou que se trata “do primeiro gran perfume galego patrocionado, deseñado, promocionado e fabricado por unha empresa desta repercusión no mercado”.
García precisou que a fragancia, realizada en Gras (Francia), contou co asesoramento de Sargadelos. “Nos dixémoslle que concepto queriamos, asociado ao frescor de Galicia. Mandámoslles documentos e mesmo vídeos. Eles devolvéronnos varias mostras e fomolas corrixindo, de aí saíu o produto”, indicou.
NOVIDADE NO CATÁLOGO
Por último, Rafael Marzán, de Perfumerías Arenal, considerou que a colonia de Sargadelos ten “todos os ingredientes para ter éxito, pois é unha fragancia moi fresca, cun gran deseño, e podemos dicir que é o primeiro gran perfume galego”.
Afirmou que “os galegos temos que potenciar unha empresa local, que é unha xoia para todos os lucenses”. A empresa abre unha nova categoría no seu catálogo que venderá a partir do luns “nas case 50 tendas que temos no norte de España, ademais da nosa web”, concluíu.