A galería de Sargadelos en Santiago de Compostela foi o escenario elixido pola empresa para presentar a franquiciados, distribuidores e medios de comunicación as novas creacións que a firma xa puxo á venda a través da súa canle de distribución e a tenda en liña, e que homenaxean os oficios tradicionais de zoqueiros e palilleiras de Camariñas.
A marca pretende “reivindicar e darlle visibilidade a dous dos oficios tradicionais galegos”. Destaca neste sentido que a provincia de Lugo “e a comarca da Terra Chá en particular” foi terra de zoqueiros por excelencia, “previsiblemente por tratarse de terreos chaos con abundancia de bidueiros, árbore da que se obtén a materia prima para a súa elaboración”. O artesán Norberto Piñeiro, de Vilalba e 93 anos, expuxo na presentación o seu traballo.
Deste xeito, afirma Sargadelos, creouse “unha zoca de última xeración equipada cos últimos avances en confort e seguridade, capaz de facer máis levadeiro calquera camiño que un se propoña”. Deste xeito, este “calzado de xente humilde tallado en madeira” reproduciuse en porcelana.

Ademais, en colaboración coa Asociación de Palilleiras ‘Puntillas de Camariñas’, Sargadelos presenta un “exclusivo” mantel “elaborado en algodón e liño de primeira calidade inspirado nun dos decorados emblemáticos das nosas vaixelas, o Toxo“.
A marca indica que este “mantel reforza os valores de marca dando continuidade ás súas liñas de deseño exclusivo, aplicados agora a tecidos de altísima calidade cuxo broche de ouro é o encaixe de Camariñas que as artesanas, presentes no acto, tardan en confeccionar 5 semanas, 30 días, 240 horas ou 14.400 minutos“.
CAMPAÑA DE NADAL
Ademais da Zoca e o do Mantel Toxo de Camariñas presentouse o perfume Brétema, que foi presentado en sociedade o pasado 7 de novembro na planta circular de Cervo.
Adornos de Nadal ou un porta ovillos en forma de ovella, novas figuras para a Colección de Máscaras, ademais de complementos -portadocumentos, carteiras, bandoleiras ou pulseiras- son outras novidades de Sargadelos de cara á campaña de Nadal.