InicioEconomíaO pintor xovense Xoán Guerreiro doa 200 gravados ao comité de Alcoa...

O pintor xovense Xoán Guerreiro doa 200 gravados ao comité de Alcoa para abrir unha caixa de resistencia

As serigrafías, feitas a partir dun óleo do autor sobre o complexo de Alúmina-Aluminio desde a praia de Lago, venderanse en Lugo e San Cibrao a un prezo de cen euros

Publicada o

- Advertisement -

O pintor de Xove Xoán Guerreiro doará ao comité de Alcoa San Cibrao 200 gravados dunha das súas obras, que representa unha paisaxe desde a praia de Lago do complexo industrial da Mariña Lucense, en concreto cos que os traballadores abrirán unha caixa de resistencia coa que facer fronte ás posibles consecuencias da situación da planta de aluminio, que a multinacional ve “inviable” sen un abaratamento da enerxía eléctrica.

O artista mariñao, que foi traballador nesta planta, entregou na mañá deste mércores as 200 obras ao organismo de representación dos empregados, nun acto no que participaron os voceiros dos tres sindicatos, José Antonio Zan (CC OO), Xosé Paleo (CIG) e Jorge Fernández “Castañón” (UXT), e o alcalde de Xove, o popular Demetrio Salgueiro. Varios obreiros da fábrica, ademais de representantes doutros municipios da comarca, acudiron tamén ao encontro.

PARA QUE OS TRABALLADORES “NON SE SINTAN SÓS”

Estas 200 serigrafías, numeradas e asinadas polo autor, están realizadas a catro tintas, a partir dun óleo de Guerreiro de Alúmina-Aluminio, reproducidas no taller dos tamén artistas lucenses Xermán Refojo e Honorio. Realizadas en papel fabriano de algodón, cunha medida de 35 por 50 centímetros e unha mancha de 27 x 22, pódense mercar a un prezo de 100 euros tanto nas dependencias do comité, no complexo industrial de San Cibrao, coma na galería de arte A Catedral de Lugo.

Guerreiro explicou que a idea xurdiu “cun amigo que me dixo, mira o momento e a situación”. O pintor xovense pretende así solidarizarse cos empregados dunha fábrica “que se falla, falla A Mariña Lucense. Non me gustaría ver morrer o que vin nacer”, asegurou. Diante da situación da factoría de aluminio, sobre a que sobrevoa o temor ao peche despois da venta das plantas de Avilés e A Coruña, o artista sostén que tenta “que os traballadores non se sintan sós nesta ardua tarefa, porque sei que así se van sentir, porque non importa o apoio que teñan detrás. Nalgún momento vanse sentir importentes, sen poder levar a cabo o que teñan en mente”, expuxo.

“ESTÁN A AFUNDIR ÁS FAMILIAS PSICOLOXICAMENTE”

O pintor xovense sostivo que “é hora de levantar a voz para reclamar o dereito conquistado ao traballo, tanto nas manifestacións como a título individual”, e lamentou “o peso” que exerce “o mantra da enerxía” sobre as familias da Mariña Lucense e de parte da provincia de Lugo. “Estanas a afundir psicoloxicamente, esta xente ten que vivir con iso”, argumentou.

Guerreiro amosouse “encantado” co resultado “extraordinario” de converter o óleo en serigrafías, no que a dificultade consistiu en obter a imaxe para pasala a linguaxe serigráfico e simplificalo a catro tintas, e todo iso conservando a mesma atmosfera do cadro. Así, animou aos mariñaos a colaborar coa causa dos 1.150 traballadores do complexo industrial, “que necesitan ánimo e vontade de axuda”.

Pola súa banda, Zan, o presidente do comité, mostrou “o agradecemento de todo o persoal da factoría este detalle de Xoán, unha débeda que contraemos e que non poderemos compensar na vida. Pensamos que é un reflexo do apoio que estamos a recibir” e destacou, dado que Guerreiro é ex traballador da fábrica, “o respaldo que estamos a sentir dos prexubilados e xubilados da planta nas concentracións que estamos a celebrar. Sentímonos moi arroupados“, indicou.

Gravado de Xoán Guerreiro. AXM

POXA DE INTERROMPIBILIDADE

Sobre a subasta de interrompibilidade que se celebrará a semana que vén, cuxas condicións de partida son prexudiciais para Alcoa pola rebaixa da potencia a subastar -de 2.340 MW a 1.000 MW- e pola fragmentación dos lotes, eliminando os bloques de 40 MW en favor dos de 5 MW, Zan cualificou a decisión do Executivo de “irresponsabilidade“, usando unha palabra que utilizaron tamén os representantes das outras forzas sindicais do comité.

O sindicalista lamentou que “o problema non é retirar o diñeiro da subasta, polo que se perderán 35 millóns de euros o ano que vén, é que non hai ningún recurso alternativo para rebaixar o prezo da electricidade ás empresas electrointensivas. Alcoa, Ferroatlántica, Asturiana de Zinc ou Arcelor Mittal quedan tocadas”, indicou, para insistir en que o Ministerio de Transición Ecolóxica “cargouse un dos dous mecanismos fundamentais, a interrompibilidade e as compensacións por emisións indirectas de CO2, que había para aliviar o custo da luz, e establecer un marco enerxético que sexa legal require de tempo e trámites”.

O sindicalista considerou “unha salvaxada” a rebaixa da potencia a subastar e a fragmentación dos bloques, que “poñerá a competir unha empresa coma a nosa, altamente dependente da electricidade (supón un 40% dos gastos de produción de aluminio), con cementeiras e formigoneiras”. Zan asegurou que o Goberno “acaba de declarar a guerra á industria pesada” e alertou de que “estamos en risco dunha reconversión industrial coma a do 1986″.

TACHAN AO GOBERNO DE “IRRESPONSABLE”: “DECLAROU A GUERRA Á INDUSTRIA PESADA”

Paleo lembrou que este martes “anunciouse un ERE en Ferroatlántica” e que Alcoa avanzou tamén semanas atrás un plan de axuste que prevé peches de plantas e o recorte da produción nun prazo de cinco anos. Así, asegurou que “unha fábrica coma esta está abocada ao peche se non se soluciona a cuestión da enerxía. O paso van dalo, seremos das primeiras fábricas afectadas. A situación é de emerxencia, e se esta factoría pecha, non se vai levantar unha nova nesta comarca, supoñendo a morte da vida económica desta comarca”, advertiu.

Fernández, pola súa banda, prognosticou que “se collemos algo da subasta vai ser o mínimo“, posto que poderán participar “empresas que non sofren os cortes da interrompibilidade como nos afectan a nós”.

SALGUEIRO: “ESTÁ EN XOGO A SUPERVIVENCIA” DA MARIÑA

Finalmente, Salgueiro resaltou que está en xogo “a supervivencia” de Alcoa “e tamén do concello de Xove”, porque “un peche” sería “un drama para toda A Mariña Lucense, dado que practicamente toda a nosa economía xira en torno á fábrica”. Deste xeito, destacou que a media de idade do persoal do complexo industrial é de 35 anos, “un dato que nos permite intuír no que podería pasar”.

O rexedor xovense utilizou a mesma palabra que os sindicalistas, “irresponsabilidade”, para afearlle ao Goberno “que eliminase unha das liñas que podían supoñer a solución”. O alcalde de Xove reclamou “un estatuto do consumidor electrointensivo que rebaixe arredor de 30 euros o prezo da luz, que é o que necesita Alcoa para seguir producindo”.

Salgueiro agradeceu “a colaboración desinteresada e sensibilidade” de Guerreiro para “tentar acadar recursos para esta loita”.

Imaxe da rolda de prensa. AXM

 

Os traballadores animaron a participar na concentración prevista para o vindeiro sábado, ás doce do mediodía, ante a Subdelegación do Goberno en Lugo, para reclamar ao Executivo que poña “data e hora” para a primeira xuntanza da mesa de seguimento polo futuro de Alcoa, comprometida pola ministra de Industria, Reyes Maroto, na súa visita a San Cibrao.

DIVISIÓN NO DEBATE PARLAMENTARIO

Todos os grupos con representación no Parlamento galego coincidiron en mostrar a súa preocupación ante a situación de “urxencia” que afronta a planta de Alcoa en San Cibrao, pero difiren en canto ás demandas, o que levou a que unha iniciativa do Grupo Mixto que recollía reclamacións á Xunta e ao Goberno central non saíse adiante este mércores.

Foi na comisión de industria da Cámara autonómica onde o debate entre os parlamentarios acabou sen acordo. Na exposición da súa proposta, o deputado do grupo mixto Pancho Casal advertiu dunha situación “preocupante” con 32 cubas paradas a día hoxe na fábrica da Mariña lucense.

A multinacional, segundo engadiu, “ameaza con parar series completas” e aínda que as actuacións “ata o momento afectaron o emprego eventual”, de chegarse a ese caso, “afectaría de maneira xa moi importante ao emprego fixo”. Como el, a deputada do Grupo Común da Esquerda Luca Chao criticou as condicións da poxa de interrompibilidade coñecida a semana pasada, do mesmo xeito que Noa Presas (BNG), quen afirmou que esta poxa é “un auténtico disparate”.

Pola súa banda, a socialista Begoña González Rumbo advertiu de que o PSdeG-PSOE se abstería ante os dous primeiros puntos do texto, que instaban a publicar de inmediato o estatuto de industrias electrointensivas e a recoller dentro do mesmo “a necesidade de quitar a produción nuclear e hidráulica do pool de poxas diarias”.

En canto a compensacións, subliñou que é “absolutamente necesario” que haxa un Goberno non en funcións “para que todo isto poida materializarse”.

Por parte do Partido Popular de Galicia, Marta Nóvoa cargou contra a “inacción” do Goberno socialista. En calquera caso, o grupo maioritario votou en contra de toda a proposición non de lei tras argumentar que algunhas cuestións as ve “fóra de tempo” e outras mal enfocadas. “Non é o momento de esixirlle a Alcoa, que está en risco de desaparecer, novos investimentos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...