InicioEconomíaAs electrointensivas aseguran que a caída da interrompibilidade causa "un dano irreparable"

As electrointensivas aseguran que a caída da interrompibilidade causa “un dano irreparable”

Os sindicatos preparan unha gran concentración en Madrid o 22 de xaneiro

Publicada o

- Advertisement -

A Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía (AEGE) emitiu este venres un comunicado no que asegurou que o resultado da poxa de interrompibilidade, que repartiu 4,38 millóns entre 118 empresas polos 96 destinados da anterior convocatoria, do pasado mes de xuño, é “un duro golpe” para a industria electrointensiva.

Nun comunicado, AEGE expresa a súa “fonda preocupación e inquietude” polo panorama para a industria en 2020, que ve “como os seus problemas non se resolven, senón que se acentúan pola falta de Goberno”.

A asociación subliña que, tras un recorte do 95%, sen Orzamentos Xerais do Estado e sen Estatuto de Consumidores Electrointensivos, “os nuboeiros que se albiscaban a primeiros de decembro convertéronse nunha treboada perfecta que, se non se actúa con urxencia, causará un dano irreparable á industria electrointensiva española”.

AEGE recalca que en poucos anos a seguridade de subministración do sistema eléctrico perdeu 2.000 megawatts (MW) interrumpibles dos 3.000 MW que había en 2017, “precisamente en 2020, un ano no que está previsto o peche da metade das centrais de carbón e cando estarán en servizo uns 7.000 MW de renovables máis resultado das últimas poxas”.

Así, a asociación pide a aprobación “cando antes” do “ansiado” Estatuto de Consumidores Electrointensivos con medidas e dotación orzamentaria suficiente para reducir o diferencial de prezo eléctrico de 20-25 euros por megawatt hora (MWh) cos competidores de Francia e Alemaña.

Ademais, ve necesaria a colaboración co Goberno, “co apoio de todos os partidos políticos”, para atopar solucións no curto prazo que melloren a competitividade da industria.

GRAN CONCENTRACIÓN DOS SINDICATOS EN MADRID O 22-X

Os tres grandes sindicatos a nivel estatal, UGT, CC OO e USO, anunciaron este venres que preparan unha concentración en Madrid o 22 de xaneiro “en defensa dos postos de traballo” da industria electrointensiva, ante o resultado da poxa de interrompibilidade, que fai inviable a planta de aluminio de San Cibrao segundo Alcoa, e a “falta de medidas concretas que favorezan a competitividade”.

As centrais lamentan a situación de “inestabilidade e incerteza” que os traballadores das empresas con alto consumo de electricidade “veñen soportando desde hai tempo”. Dese xeito, reclaman “moi directamente” ao Goberno central e tamén “a todos os axentes políticos no seu conxunto”, a “adoptar as medidas necesarias para corrixir a actual situación”.

Así, reclaman a aprobación do estatuto das electrointensivas, a redución das peaxes, fomentar os contratos bilaterais ou aumentar as compensacións por custos de emisións indirectas de dióxido de carbono.

TOMÉ INSINÚA “UN PACTO” DO PP CON ALCOA “PARA BOTAR LEÑA AO LUME”

Segundo informou Efe, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, asegurou que os traballadores de Alcoa en Cervo “gozan de total apoio por parte do goberno provincial”, que fará “todas as xestións” que poida para buscar unha solución á difícil situación que atravesa a planta da Mariña Lucense, pero censurou a actitude daqueles que no canto de arrimar o ombreiro “botan leña ao lume“.

En declaracións aos medios de comunicación, Tomé dixo que “hai xente que está botando leña ao lume”, en alusión á Xunta de Galicia e ao Partido Popular, “alarmando” e ata chegando “a acordos para tratar de presionar ao Goberno do Estado”.

“Se de nós depende”, dixo Tomé, farase “todo o posible para que a enerxía sexa o máis barata posible” para industrias electrointensivas como a factoría da Mariña, para que “Alcoa sexa viable na provincia”.

José Tomé, presidente da Deputación de Lugo. AXM

En todo caso, volveu insistir en que as competencias en materia de industria en Galicia son da Xunta, que ao seu xuízo “non está ofrecendo nada” para superar a difícil situación que está atravesando o sector nestes momentos.

De feito, precisou que no Igape quedan cada ano “millóns de euros que non se executan en axudas ás empresas“, algo que lle resulta “sospeitoso nun momento como “este, de tanta dificultade. Alguén será o responsable diso”, insistiu.

O BNG RECLAMA UNHA TARIFA ELÉCTRICA GALEGA

Pola súa banda, a vicepresidenta da institución, a nacionalista Maite Ferreiro, volveu a incidir na necesidade de contar cunha “tarifa eléctrica galega” e recordou que “estes días” que choveu tanto, as operadoras obteñen máis beneficios, pero iso non se traduce nunha rebaixa no prezo da enerxía para os consumidores.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...