A Deputación de Lugo investirá máis de 113.000 euros no arranxo do cemiterio municipal de Altamira, en Viveiro, afectado pola riada que sufriu a vila o 18 de novembro do ano 2018.
As inundacións causaron graves destrozos materiais en diferentes lugares do concello, especialmente no barrio de Xunqueira, pero tamén en moitos outros puntos do municipio. Entre as edificacións afectadas está o cemiterio municipal de Altamira, que presenta patoloxías e deficiencias estruturais producidas no muro de contención sur das instalacións.
O goberno provincial aprobou en marzo de 2019 un convenio interadministrativo para a redacción do proxecto técnico das obras de urxente necesidade no cemiterio municipal, por un importe de 16.940 euros, asumidos pola institución provincial.
Trala redacción do proxecto, o goberno local solicitou unha addenda para facer constar que a actuación obxecto do mesmo se corresponde coas obras nas instalacións, cun orzamento de execución de 96.235,21 euros; o goberno provincial aprobou o pasado 27 de decembro a modificación do convenio para a execución dos fins comúns consistentes en: cooperación na redacción do proxecto técnico, licitación e execución das obras de urxente necesidade no cemiterio municipal.