O grupo municipal do Partido Popular (PP) de Viveiro propón ao pleno da corporación local que adopte medidas para fomentar o transporte sostible no municipio. O grupo que ten por voceiro a Óscar Rodríguez defenderá este mércores, por medio de Inma Nespereira, unha proposta que inclúe establecer bonificacións no Imposto de Circulación para os coches de parcial ou cero emisións contaminantes, así recoñecidos pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT). Esta é unha medida, sosteñen os conservadores, que xa poñen en práctica gran número de concellos de España.
Os populares tamén propoñen recoller nos pregos de condicións das próximas renovacións das concesións de transporte colectivo urbano de viaxeiros, servizo de augas e saneamento, e do de recollida de lixo, así como de todos aquelas outras que necesiten vehículos para realizar as súas funcións, unha valoración preferente das propostas que garantan o uso de frotas híbridas, eléctricas ou de emisións cero.
Igualmente, a iniciativa que os populares someterán a debate plenario inclúe promover a instalación de puntos de recarga eléctrica, garantindo a presenza como mínimo dun punto na zona ORA. Segundo esta proposta, o Concello instará ás áreas comerciais que aínda non dispoñen de puntos de recarga a que as instalen. Igualmente deberán contar con este servizo as zonas de aparcamento das instalacións deportivas municipais, así como a parada urbana de taxi.
Por último, o PP defende que se inste a Aparcamientos A Mariña, empresa vinculada co Concello, a instalar como mínimo un punto de recarga e promover paulatinamente a conformación da frota municipal con vehículos de emisión cero.
PIDEN A RENOVACIÓN DO PARQUE DE TRANSPORTE
Os edís populares consideran que é «evidente a necesidade dun medio ambiente limpo e sostible». Recordan que no ano 2017 a Comisión Europea presentou un conxunto de medidas entre as cales se propuña que os vehículos reduciran un 30% as emisións de dióxido de carbono. No PP destacan a necesidade da renovación do parque de transporte dado que envelleceu significativamente durante os anos da crise económica.
A administración local, din os concelleiros populares, ten que adoptar medidas de estímulo ao uso de vehículos “verdes”. Así, conclúen que «o concello de Viveiro, como Administración máis próxima ao cidadán, non pode manterse alleo a esta realidade e debe impulsar, na medida das súas posibilidades, o cambio».