As empresas electrointensivas continúan a exercer presión sobre o Goberno central para que rebaixe o prezo da enerxía eléctrica. Alcoa admitiu este mércores que alegará ao borrador do estatuto das grandes consumidoras de electricidade presentado polo Executivo central.
Aínda que por agora non concretan cales serán as alegacións, fontes de Alcoa sinalan que se presentarán reclamacións “a título individual” ao documento, alegacións que serán “similares” ás rexistradas con anterioridade, cando o Goberno central amosou o primeiro boceto do texto. “O obxectivo segue a ser o mesmo, que é reducir o prezo da enerxía eléctrica ao nivel dos nosos competidores europeos“, expuxo a multinacional.
RECLAMARÁ SER RECOÑECIDA COMO “HIPERELECTROINTENSIVA”
Sobre a posibilidade de presentar alegacións en conxunto coa Asociación de Empresas de Gran Consumo de Energía (Aege), que agrupa a arredor dunha vintena de firmas, Alcoa sinala que “non todas as compañías teñen a mesma problemática”, aludindo á súa reclamación de obter a condición de “hiperelectrointensiva“, dado que a electricidade supón o 40% dos custos de produción da planta de aluminio.
Alcoa ve esta factoría, a única produtora de aluminio primario de España, “inviable” trala caída “dun 90%” dos ingresos na subasta de interrompibilidade, mecanismo utilizado polo Estado para aliviar o prezo da luz á industria pesada e que o Goberno central quere eliminar ante a presión da Unión Europea.
Representantes da multinacional radicada en Pittsburgh reuníronse o pasado mércores co conselleiro de Economía, Francisco Conde, que asegurou que a Xunta ten unha “visión compartida” coas empresas electrointensivas. O Goberno galego afirmou así erixirse en voceiro e reclamou restituír a subasta de interrompibilidade nas anteriores condicións e incluír a figura da empresa hiperelectrointensiva no estatuto.
ALU IBÉRICA: “O ESTATUTO DEIXARÁ O MW/H ENTRE 45 E 49 EUROS”
Pola súa banda, Alu Ibérica (antiga Alcoa), con plantas en Avilés (Asturias) e A Coruña, considerou este mércores “imposible” producir aluminio primario en España cos custos enerxéticos que resultarían da aplicación do borrador do estatuto dos consumidores electrointensivos, ao que presentou alegacións.
Nun comunicado, a empresa alumineira advirte de que o actual borrador “non garante un prezo eléctrico que permita producir aluminio primario”, de modo que “non sería suficiente para salvagardar os empregos” vinculados ás series de electrolisis de ambas plantas, 168 na Coruña e 155 en Avilés.
Segundo cálculos da empresa, a aplicación do estatuto situaría o prezo da electricidade entre 45 e 49 euros por megavatio/hora (MWh) e “non lograría reducir o amplo diferencial existente cos prezos eléctricos que pagan os competidores homólogos de Francia, Alemaña e Suecia para fabricar aluminio primario, que está por debaixo dos 35 euros/MWh“.
O fondo de investimento suizo Parter fíxose con ambas plantas de Alcoa o pasado verán co compromiso de manter o emprego e a actividade polo menos durante dous anos.
As factorías, que en total suman máis de 600 empregos -328 na Coruña e 286 en Avilés-, só manteñen operativa a parte da fundición, pero as cubas de electrólise, cuxo funcionamento require un gran gasto enerxético, permanecen paradas. De darse un prezo acorde co que pide, Alu Ibérica asegurou que podería reiniciar a actividade “en nove meses”. A empresa asegura que o borrador do estatuto é “un xarro de auga fría” despois das “expectativas” prometidas polo Executivo de “reducir entre doce e 15 euros o MW/h”.
A CIG PIDE “PROGRESIVIDADE” NAS AXUDAS E LIBERAR A TARIFA DAS PEAXES NON RELACIONADAS CO SISTEMA
Na parte social, a CIG anunciou que presentará o vindeiro xoves, cando remata o prazo, as súas alegacións ao proxecto de estatuto do consumidor electrointensivo na liña de “sentar as bases dunha tarifa industrial estable e predecible”, informou o sindicato.
Entre elas, destaca a petición de establecer a progresividade nas axudas; así como liberar a tarifa das peaxes que non teñan relación directa co funcionamento do sistema eléctrico. No relativo ao CO2, a central nacionalista demanda que as industrias poidan acceder á máxima compensación permitida pola UE, por competir con outras industrias similares.
Así, reclama que o déficit tarifario sexa asumido polos Orzamentos Xerais do Estado para que non repercuta na factura que pagan o resto de consumidores.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que o decreto presentado polo Goberno continúa sen establecer a estrutura para unha tarifa “que axude a revertir a crise permanente” na que viven este tipo de industrias con grandes consumos eléctricos por mor dos elevados custos da enerxía.
Nesta liña, advirte de que a redución na tarifa prevista está vinculada nun 57% con medidas que non están dentro do propio estatuto ou, no caso de contemplarse no texto, teñen un carácter compensatorio e dependen do que se aprobe nos Orzamentos Xerais do Estado.
A CAMPAÑA DE LAZOS AZUIS, ESTE XOVES A VIVEIRO
A CIG continuará o xoves as mobilizacións en demanda de solucións para o sector cunha concentración en Ferroatlántica Sabón.
O comité de Alcoa San Cibrao, tamén o xoves, retomará a campaña de lazus azul eléctrico iniciada en Xove e na vila sancibrense. Os sindicatos do complexo industrial cervense levarán o seus actos reivindicativos a Viveiro, onde colocarán símbolos tanto nos comercios, coma no balcón do consistorio e nos lugares máis concorridos, para visibilizar a situación da planta de aluminio.
MOCIÓN DO PP NO PLENO PROVINCIAL
O PP levará ao pleno da corporación provincial a adopción dun acordo para instar ao Goberno central a introducir no texto do estatuto de consumidores electrointensivos as propostas da Xunta de Galicia e dos traballadores de Alcoa San Cibrao.