Grupos políticos da corporación –PSdeG-PSOE, PP, Por Viveiro, BNG e Son Viveiro– reuníronse o pasado xoves coa Asociación de Veciños Amigos do Casco Histórico para avanzar na ordenanza que debe regular o acceso ao núcleo monumental da Cidade do Landro. A primeira tentativa para aprobar o documento, que aspira a consolidar a peatonalización da área, foi a finais de agosto do 2018. No pasado mes de febreiro tivo o si unánime do Pleno, pero a necesidade de facer modificacións mantén o texto definitivo pendente. O Concello agarda que a nova normativa poida comezar a aplicarse “o vindeiro verán”.
A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, sinala que se debateron cuestións como o recoñecemento dun distintivo para os residentes, que contarán con tarxeta propia, a fin de que poidan entrar no casco en casos excepcionais utilizando a vía telemática, ou, se non usan Internet, que poidan solicitalo por vía presencial e dispoñer “de dous días á semana para poder entrar e saír dentro duns horarios establecidos”.
Outra das cuestións acordadas foi non establecer unha taxa para residentes en canto ao acceso ao casco. “É un proxecto que aínda non está materializado; temos propostas pero están por recoller nun texto, do que sairá a ordenanza que máis adiante se levará a aprobación. Seguimos a facer comisións informativas, porque estas cuestións que son importantes e de interese común, deben contar con consenso e achegas de todos os grupos, porque todo o mundo ofrece cousas”, indica a rexedora.
A INTENCIÓN É APROBALA “E MODIFICAR DETALLES SOBRE A MARCHA”
Loureiro admite a necesidade de conxugar unha serie de intereses dispares, posto que a intención “é liberar o casco de coches, pero tamén hai unha serie de residentes aos que hai que dar facilidades. É un lugar peculiar, cun cariz comercial, con diferentes sectores, como as panaderías…”, expón a rexedora, que por agora non marca un prazo para volver levar a ordenanza a pleno.
“O que decidimos é tentar, cando haxa un principio de consenso, sacar a ordenanza canto antes e se se ten que modificar que se vaia cambiando sobre a marcha, porque andando é a mellor maneira de ver se hai algún posible erro. Queremos en breve sometelo a opinión pública é a nosa intención é que en verán estea funcionando, pero están os períodos de prazos e alegacións”.
O BNG FALA DE “SEIS MESES PERDIDOS”
O BNG, pola súa banda, valorou a xuntanza para resaltar “a perda de seis meses” dado que propostas como as de incorporar á normativa unha figura para os residentes ou de non establecer a taxa para os mesmos en canto ao acceso ao casco, propostas “expostas polo Bloque na reunión do verán de 2019, e que non contaron no seu día co respaldo nin do goberno municipal nin de ningún dos voceiros da oposición”.
A formación nacionalista reclamou que se inclúa na ordenanza “a incorporación dun sistema de tarxetas magnéticas vinculada ao uso que se establece en cada unha delas que se expida, axudaría de maneira moi eficaz a respectar nesta primeira fase os horarios e tempos de permanencia do vehículo no casco”.
POSTOS “DE BANQUETA”
Tamén, que se manteña a posibilidade de participar nos mercados dos xoves na Praza Maior para as vendedoras dos tradicionais “postos de banqueta“, que “non poderán vender debido á documentación requerida na ordenanza e por suposto, tampouco acceder ao casco para realizar a descarga e carga da súa mercancía, polo que cremos necesario a modificación do texto relacionado e así permitir a continuación dunha constume ancestral de gran valor”.
Finalmente, os nacionalistas expoñen que “no texto actual, establécense unhas rutas de entrada e saída, que provocan que os vehículos que accedan teñan que facer longos percorridos polo casco para chegar ao destino, polo que se fomenta que os vehículos permanezan durante máis tempo no casco coa contaminación acústica e ambiental que supón, xusto o contrario do que se quere facer con esta ordenanza, polo que propoñemos a realización de tarxetas personalizadas para cada solicitante que favoreza o percorrido de entrada e saída máis curto”.