Ramón González Rey/Efe. Preto dun milleiro de obreiros da factoría que a Alcoa ten no municipio lucense de Cervo, apoiados por empregados das empresas auxiliares que prestan servizo a esa fábrica, manifestáronse este mércores na cidade de Lugo para esixir cambios no estatuto das electrointensivas presentado polo Goberno que garantan a viabilidade das grandes industrias electrointensivas. A multinacional puxo en cuestión a planta de aluminio do complexo industrial de San Cibrao, que ve “inviable” despois de que os ingresos en materia de interrompibilidade caesen “un 90%”.
A manifestación partiu da mesma estación de autobuses de Lugo, para finalizar despois de protestar polo centro da capital lucense, na Praza de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, onde este mércores se debatiu unha moción presentada polo Partido Popular (PP) para que a institución provincial inste ao Goberno de España a aceptar as alegacións ao estatuto presentadas polas comunidades de Galicia, Asturias e Cantabria. As tres forzas da corporación –PSdeG-PSOE, PP e BNG– votaron a favor.
Para participar nesa manifestación, partiron da Mariña Lucense sete autobuses, cinco contratados polo comité de empresa, que é quen promove esta manifestación, e outros dous pagos polos municipios de Xove e Cervo, en cuxos terreos está asentada a fábrica de Alcoa.
TENSIÓN COA ENTRADA POLA FORZA EN SAN MARCOS
Cunha vintena de cruces, os manifestantes non deixaron de corear consignas como “Enerxía Solución”, “Alcoa sálvase loitando” ou “socialistas de pacotilla”, á vez que exhibían carteis nos que se podían ler mensaxes como “Eu tamén vivo do aluminio” ou “Alcoa non se pecha”.
Na mesma porta do Pazo de San Marcos, o presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, acompañado por outros deputados do goberno provincial, recibiu aos representantes do comité de empresa, entre eles ao seu presidente, José Antonio Zan, pero vivíronse momentos de certa tensión cando varias decenas de manifestantes entraron pola forza no propio edificio, ao berro de “socialistas de pacotilla” e “enerxía solución”. Os sindicatos -tamén os das empresas auxiliares– mantiveron unha reunión coa Vicepresidencia da Deputación, a nacionalista Maite Ferreiro.
Zan expuxo que Tomé “transmitiunos que están a facer todo o posible por solucionar o problema, pedímoslle que o Executivo central espabile porque o noso complexo industrial supón un terzo do Produto Interior Bruto (PIB) de Lugo. Se queremos seguir sendo provincia, é importante que Alcoa non peche”, expuxo o sindicalista.
SAN CIBRAO “MOVE 700 MILLÓNS ANUAIS EN MATERIAS PRIMAS”
“Está no aire o futuro e a prosperidade de toda unha comarca. A supervivencia de toda A Mariña lucense e tamén de Lugo, porque ao final nós pagamos unha serie de impostos que axudan a que a Seguridade Social, que nesta provincia é deficitaria, sexa menos deficitaria, porque cos salarios e o movemento de capital desta fábrica, levantamos un terzo da economía provincial”, asegurou Zan.
ALEGACIÓNS
En canto ás peticións que formula o comité de empresa nas alegacións presentadas ao estatuto de consumidores electrointensivos, Zan explicou que lle pide ao Goberno de España que estableza as axudas para compensar as emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2) “ao máximo permitido pola Unión Europea” e “de forma fixa cada ano“, para dar estabilidade aos custos de produción das empresas electrointensivas. Lembrou que estamos a falar “dun imposto que se recada a través das grandes empresas por emisión de gases de efecto invernadoiro” e “cada ano ese imposto sobe”. Segundo o Executivo central, Alcoa percibiu 25 millóns na anterior anualidade nesta materia.
De feito, afirmou que as “axudas á ininterrompibilidade poderían ser gratis” para o Goberno de España só “co que subiu ese imposto entre os anos 2018 e 2019”, porque a recadación pasou “de algo máis de 1.200 a 1.600 millóns de euros”. Desde o seu punto de vista, esa demanda do comité de empresa “é o básico”, porque senón “ninguén se vai a fiar deste Goberno”. Por outra banda, tamén lle piden ao Executivo que a industria “hiperelectrointensiva” non sexa “discriminada” en canto ás primas polos acordos coas empresas produtoras de enerxía renovables, porque neste momento só poden beneficiarse “do 0,5%”, mentres que outros consumidores chegan “por riba do 2%”.
RECLAMAN UN PREZO DO MWh “A 40 EUROS”
“As becas perden sentido se as aplicamos a todos os estudantes, deberan estar reservadas para quenes menos teñen; se ao estatuto das electrointensivas se poden acoller todas as empresas, aquelas que son máis dependentes da electricidade, hiperelectrointensivas, van pechar”, asegurou. Respecto do ánimo do persoal, o sindicalista expuxo que “viñamos facendo manifestacións tranquilas, pero a xente estase comezando a enfadar. Queremos máis solucións e menos promesas”, expuxo.
A idea, precisou, é que esas medidas permitan abaratar o prezo da enerxía ata “os 40 euros por megawatio/hora“, que sen ser a solución desexada, si supoñería un respiro para a planta de Alcoa na Mariña. “Prefiro que nos poñan a soga ao pescozo e seguir respirando, a que nos poñan a soga ao pescozo e que nos abran o patíbulo”, resolveu Zan.
TOMÉ PIDE TEMPO PARA NEGOCIAR CAMBIOS NO ESTATUTO “DENTRO DAS POSIBILIDADES DA UE”
Tomé, pola súa banda, reivindicou que a Deputación apoia “totalmente” as alegacións dos obreiros e asegurou que se está a facer “todo o posible” para que o Goberno teña en conta as solicitudes. O presidente do executivo provincial referiuse a unhas declaracións do socialista Adrián Barbón, presidente de Asturias, e reivindicou que “agora comeza un período de negociación, onde hai cabida para cambios, e que debe ser discreta. Hai partido, temos que sentar todos e chegar a un acordo que sexa satisfactorio dentro das posibilidades que hai na Unión Europea. Esperamos que se alcancen obxectivos para que Alcoa siga na Mariña Lucense”, concluíu.
Pola súa banda, Ferreiro comprometeu apoio ao persoal e avogou “por un marco enerxético que facilite que Galicia aproveite a súa condición de país excedentario en produción de enerxía”.
CANDIA PRESIONA A SOCIALISTAS E NACIONALISTAS
A presidenta do PP provincial e voceira na Deputación, Elena Candia, salientou que a situación de Alcoa podería afectar “a 5.000 familias“. Os conservadores presentaron para o seu debate no pleno as alegacións rexistradas polos Gobernos autonómicos de Galicia, Asturias e Cantabria. A dirixente dos populares lucenses acusou ao PSOE de “enganar” e presentar un estatuto “que nos deixa en situación peor”, e pediulle aos socialistas lucenses “que se movan para facer valer en Madrid o seu peso político”. Tamén se amosou crítica co BNG, que “non negociou ben” durante as conversas para a investidura de Pedro Sánchez.
RODIL DEMANDA AO EXECUTIVO CENTRAL “QUE RECTIFIQUE”
A deputada do BNG no Parlamento de Galicia, Olalla Rodil, pediu ao Goberno central que “rectifique” pois o borrador do estatuto das electrointensivas “é insuficiente e non resolve o problema da industria”. A representante da formación frontista remarcou que o partido nacionalista presentou alegacións ao texto e considerou que “hai marxe para mellorar” o documento.
“Calquera negociación futura (en relación aos Orzamentos Xerais do Estado) está condicionada a que se cumpran os compromisos que o Goberno español adquiriu co BNG e cos galegos e galegas”, indicou a deputada nacionalista.
EN MAREA VE A ALCOA “COS DÍAS CONTADOS”
Pola súa banda, o deputado autonómico de En Marea Pancho Casal subliñou que o borrador presentado polo Goberno supón o “acta de defunción de toda a gran industria galega”.
Considerou que “a marxe para que poidan presentarse a esas axudas máis de 600 empresas” supón que “as empresas que de verdade son electrointensivas verán como baixa a súa participación neses fondos“.
En Marea “non entende o cambio”, indicou Casal, e sinalou que co actual texto, a fábrica de Alcoa en Galicia, cuxos directivos xa advertiron de que rexistraban perdas, “ten os días contados“, concluíu.