IniciosociedadeO BNG pide "un estudo" da LU-862 ante a elevada siniestralidade en...

O BNG pide “un estudo” da LU-862 ante a elevada siniestralidade en Cantarrana

Os nacionalistas lembran que a Xunta ten obras pendentes de executar desde 2017 e reclaman ao Concello que habilite aparcamentos en solares privados para evitar manobras perigosas

Publicada o

- Advertisement -

O BNG de Viveiro anunciou o pasado venres que presentará unha moción para debater no pleno a fin de que se realice un estudo sobre a siniestralidade na LU-862 en Cantarrana, onde se dan “continuos accidentes e atropelos que se dan neste vial ao seu paso pola parroquia de Covas“. Trátase, segundo a formación frontista, da “estrada da Mariña Lucense na cal estes últimos anos se veñen rexistrando os números máis altos de accidentes”.

“Esta travesía é especialmente delicada polo denso tráfico que soporta, numerosas interseccións e áreas de estacionamento; ademais de ser unha estrada que atravesa zonas de alta densidade residencial, comercial (en especial hostalería) e unha zona escolar”, explica o BNG local.

SEN ALTERNATIVA POLO ATRASO DA VARIANTE

Para a voceira da formación frontista, Míriam Bermúdez, “a elevada siniestralidade da LU-862, á marxe das posíbeis distraccións dos viandantes e condutores, débese principalmente ao elevado tránsito que rexistra este vial, ao non contar cunha variante por mor do incumprimento reiterado do goberno da Xunta de Galicia con esta comarca desde hai máis dunha década, e que non é outra que a construcción dunha alternativa, a Vía de Altas Prestacións da Costa Norte“.

“O elevado número de vehículos que circulan por esta zona provocan notábeis retencións de tráfico á altura do centro de Covas, que se rexistran cada vez de xeito máis habitual. Se a isto lle unimos os aparcamentos en batería “de fronte”, situados nun dos laterais da estrada onde os coches teñen que manobrar marcha atrás invadindo a estrada co consecuente risco para a circulación, está claro que tanto os viandantes coma os vehículos que teñen que circular por esta travesía fano en condicións incómodas e pouco seguras, facendo deste tramo un punto de alto risco tal e como indica a alta concentración de sinistros que se veñen producindo”, argumenta Bermúdez.

Os nacionalistas lembran que o Goberno autonómico ten sen acometer medidas anunciadas no 2017, “nin executou o reforzo da sinalización nin os prometidos limitadores de velocidade. Medidas estas, por outro lado, necesarias pero insuficientes para solucionar un problema de seguridade vial desta envergadura”, considera o Bloque viveirense.

PREOCUPACIÓN NOS HOSTALEIROS E A VECIÑANZA

Tamén recordan que desde 2017 “os hostaleiros e veciñanza de Covas reclaman ao goberno municipal a sinalización na travesía de Covas dos aparcamentos en espiga para que os vehículos estacionados saíran de fronte ao vial, tal e como recomendan ademais as normas de seguridade”.

Por todo isto, reclama ao Concello de Viveiro que “inste á Consellería de Infraestruturas á execución do plan de mellora anunciado”, incluíndo ademais “a modificación dos aparcadoiros para que os vehículos saian de fronte ao vial”.

Finalmente, piden que o executivo municipal poña en marcha un sistema de xestión de solares privados dispoñíbeis na zona de Covas para utilizalos como aparcadoiros públicos provisionais, a través do comodato ou préstamo de uso.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...