Unha sanitaria de Xove que traballa no Hospital Público da Mariña é un dos 26 casos positivos por coronavirus documentados ata o de agora na provincia de Lugo, para un total de 305 en Galicia. Esta profesional quixo falar co Xornal da Mariña despois de que, especialmente nas últimas horas, se propagasen “bulos” sobre o seu caso.
“Empeceime a atopar mal o pasado venres; tiña malestar e náuseas, pero non febre nin tos nin dificultade respiratoria”, relata. Daquela, “estando traballando na miña área habitual encontreime peor e recomendóuseme que se me vise en Urxencias. Mandáronme para a casa e foi na miña vivenda cando empecei a sintomatoloxía do coronavirus. Non foi nada realmente duro, senón como unha gripe bastante light, sen temperaturas altas. Agora atópome moi ben, sen sentir practicamente nada raro”, asegura.
A proba fíxoselle o pasado luns á mañá, cando tiña os síntomas “máis que claros. Non antes porque non tivera contacto con ningún positivo declarado de coronavirus, polo que non entraba nos criterios de facerme o test“, remarca. “Finalmente fixéronmo porque a zona non estaba saturada e a iniciativa do preventivista do hospital, para que se volvía traballar o fixese con tranquilidade”, indica.
CONFINAMENTO
“Sigo o confinamento rigorosamente como profesional sanitaria que son e en ningún momento puxen en risco conscientemente nin a miña saúde nin a do resto”, salienta. A nivel persoal, síntese “tranquila”. Procedente doutro punto do Estado, aínda que leva algo máis dun ano residindo na Mariña Lucense, non ten nenos nin tampouco maiores na casa, polo que non convive con persoas consideradas vulnerables. O seu mozo está igualmente en confinamento, sen síntomas. “O peor é a psicose social que o virus; póidocho contar eu que vivín as dúas cousas”, sostén. “A veciñanza pregunta, porque ten medo de que lle toque”, admite.
VODA FRUSTRADA
No seu caso, unha vez pase a corentena de 14 días e os síntomas, ten pendente unha segunda proba para recibir a alta. Agarda que a situación se normalice, pero xa dá por perdida unha ilusión que se lle escapa. “Casabamos dentro dun mes“, indica, “e iamos de viaxe a Estados Unidos e a Bora Bora“.
“A miña nai preguntoume, ‘e que digo agora’?”, sinala. “Respondín que falar as cousas con normalidade”, porque a epidemia vai ter unha incidencia “inevitable” e “non se pode caer na histeria, hai que ir coa verdade por diante”, conclúe.