Despois dun festivo como o Día do Pai e en véspera da fin de semana, as colas volveron este venres aos supermercados da Mariña Lucense. A febre por aprovisionarse puido máis que as recomendacións sanitarias de saír da casa só para o imprescindible e nas rúas das principais vilas da bisbarra víronse aglomeracións que lembraban en parte ás vividas sete días atrás, cando ante a inminencia da declaración do estado de alarma por mor do coronavirus os comercios colapsaron.
Unha traballadora dun supermercado de Burela, con tres décadas no oficio, asegura que “non vía este medo desde o Casón. Non entendo esa febre por aprovisionarse, porque non hai desabastecemento. Non faltan produtos, o que pasa as centrais fan o que poden e recibimos sempre material atrasado. Nós descargamos dous camións por día, e o desta mañá foi solicitado onte a mediodía. Pode faltar puntualmente algunha clase de pera ou mazá, algún tipo de leite, pero normalmente hai para elixir alomenos dúas ou tres marcas en practicamente todo”, explica.
AGLOMERACIÓNS
A cantidade de xente que saíu mercar o venres e mailo sábado pasados descolocaron aos supermercados incluso cando prevían aglomeracións. “Foi o sálvese quen poida. Nós tiñamos traballando todo o persoal, 24 persoas, entre dentro e fóra, para tentar controlar o aforo”, remarca esta operaria, que sinala que “temos 120 recipientes entre carros e cestos e non quedaba ningún libre. Había tiques de compra de 200 e 300 euros, quedaban as estanterías limpiñas de todo”, expón.
Malia que as obreiras tentaban disuadir aos clientes de que entrasen cando o establecemento xa estaba cheo, “tivo que vir a Garda Civil para axudarnos porque senón non sei que pasaría. Viñan mercar nais, pais, pícaros…”, relata.
MEDIDAS DE PREVENCIÓN
As aglomeracións resultan un perigo para a veciñanza e especialmente para as empregadas, que malia adoptaren as medidas de precaución fan o seu traballo expostas pola cantidade de persoas que reciben a diario. “Dannos elementos de protección, como luvas e mascariñas. No acceso hai desinfectante. Temos líquido para os mostradores. Agora levámolo mellor e estamos máis tranquilas, pero os primeiros días acumulábanse 30 ou 35 persoas en carnicería ou pescadería. Iso é perigoso“, salienta.
Detrás deste risco padecen as familias. “Meu pai está pachucho e miña nai é asmática así que nin pensar en acercarme; levo uns 15 días sin velos”, precisa.
“A XENTE NON VE O TRABALLO QUE HAI DETRÁS”
A “inmensa maioría” da xente está a responder ben, expón esta obreira, pero “aínda hai algunha xente susceptible. Onte unha muller estaba a mercar e, antes de pasar a compra, a caixeira puxo desinfectante na cinta. A señora enfadóuselle, preguntoulle que facía, porque ía fastidiarlle o sabor á comida. Costa entender que é tamén polo ben deles”, relata.
As xornadas son esgotadoras, principalmente, resalta, “polo traballo que non se ve e que hai detrás. Cando vén xente tardas moito máis en facer as cousas, porque parece que estás xogando ao escondite. Estás colocando, vén alguén e teste que separar. Hai un montón de traballo detrás que non se ve. Asumimos a descarga dos camións, a limpeza tan estricta que hai que facer, desinfectando carros, accesos, controlando o aforo…”, enumera.
A cantidade de tarefas e a exposición ao virus provocan estrés. “Trabállase moitísimo máis que nas festas ou no Nadal, nada que ver. O problema é que neses casos sabes que hai unha data na que remata todo e xa está, pensas nela e alíviate. Pero esta vez nunca sabes canto vai durar”, lamenta.
MERCAR CON SENTIDIÑO
Con todo, é comprensiva. “Estamos todos un pouco a cegas e tamén hai quen che di, sobre todo xente maior, que se non sae ao supermercado non ve a ninguén en todo o día“, expón. Por iso, aposta por “concienciar” á xente da necesidade de extremar as precaucións e de que “faga unha lista e veña unha vez á compra por semana como moito”. Será ben facerlle caso e mercar con sentidiño.