IniciosociedadeDiario de corentena: os conxeladores

Diario de corentena: os conxeladores

Uns cantos aldeanos saímos fóra a estudar e alguén nos convenceu de que iso de producir alimentos daba moito traballo e de que todo se podía con diñeiro

Publicada o

- Advertisement -

“Este vídeo vai dirixido a estes da cidade que están colapsando os supermercados ‘a lo loco’ e que deixan sen alimentos a outros aos que lles fan falta (…) Vouvos ensinar a onde imos ao súper os da aldea, dos que moitos das capitais vos rides e pensades que vivimos no cu do mundo. Sabedes onde imos? Ao conxelador. Que queremos un pito? Pois collemos un pito. Que queremos un conexo? Pois un conexo. E se queremos cagar usamos felga, helechos. Eu fíxeno e tou aquí, non pasa nada”.

Seguro que vistes o vídeo viral de Andrés de Vilas, de Recaré, con ese “mariñao” (pito, conexo, pícaro) inconfundible, no que explica “aos que viñeron fuxindo” do coronavirus como se abastece a xente do rural ao longo do ano, e tamén en caso de necesidade. Se non o vistes, tédelo aquí.

A de Andrés paréceme unha explicación brillante sobre a (falta de) soberanía alimentaria, pero estes días pensei se a retranca que utiliza non poderá aplicársenos tamén aos que algunha vez fomos aldeanos e hoxe somos urbanitas que vivimos nas aldeas. Queremos casa grande e aira para que xoguen os nenos pero desertamos do arado. Sabemos poñer as patacas, pero non as poñemos (e iso xa pasaba antes da couza guatemalteca). As familias do campo tiñan porcos, vacas, coellos, galiñas, figueiras, pesegueiros, manciñeiras e o ‘tarreo’. Agora temos gatos na casa e paseamos o can.

A LETRA PEQUENA

Ocorreu lento e sen ruído, como todo o que parece non ter importancia. Unha maneira de vivir foi quedando en descrédito. Os controis sanitarios sobre a produción de bebidas e a matanza do porco, a cruzada contra o “feísmo“, as cotas do sector lácteo… Houbo unha época que me indignei (coma todos) porque morreran ducias de vacas esfameadas en varias granxas de Galicia. Andaba eu cabreado polo maltrato animal e tivo que vir alguén recordarme que lese a letra pequena: gandeiros con depresión, que apenas saían da cama, endebedados ata as orellas.

Estes días fixeime moito no arado, chantado na aira cheo de teas de araña. E escoitei moito unha canción dun grupo con xente da Mariña Lucense e que recomendo, Oh Ayatollah: “van facer cen libros / sobre a vida antes / pa que chore túa avoa / e logo ti os gardes”.

E non sei se a canción fala exactamente do que falo, pero tanto dá.

Uns cantos aldeanos, milleiros, tivemos a sorte de saír por aí fóra a estudar e alguén, nalgún momento, nalgún sitio, convenceunos de que iso de producir alimentos daba moito traballo e que todo se podía con diñeiro (despois, moitos papamos a precariedade e a temporalidade, eses eufemismos para nomear a pobreza). Agora somos dependentes. Temos os conxeladores baleiros e esperamos -estes días á cola para entrar, saudando aos veciños da aldea- que os supermercados estean cheos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...