IniciosociedadeA primeira sanitaria da Mariña infectada de coronavirus está curada: "teño ganas...

A primeira sanitaria da Mariña infectada de coronavirus está curada: “teño ganas de axudar”

A enfermeira, residente en Xove, recibiu a alta despois dun mes de illamento domiciliario

Publicada o

- Advertisement -

Á primeira sanitaria infectada por coronavirus no Hospital Público da Mariña, unha enfermeira residente en Xove, cambioulle a voz desde a última vez que falou con este xornalista. Daquela percibíase un certo nerviosismo e mesmo a angustia dunha persoa que se enfrontaba a algo descoñecido e que recibía decenas de whatsapps, algúns alentadores e outros menos, polo seu contaxio. Está “máis tranquila” porque, despois de someterse a unha segunda proba que deu resultado negativo e logo de pasar uns días máis en corentena, recibiu a alta este mesmo luns. Aínda non está claro cando se vai reincorporar ao traballo pero atópase “con ganas de volver e axudar”.

“Estiven desde a segunda semana sen síntomas e cada vez mellor; quedábanme algunhas molestias de nariz e gorxa, algo que os médicos do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) que me seguiron consideraron normal”, expón. Como semella lóxico tratándose dunha doenza que carece de vacina e que a medicina está aínda a comprender, o seu seguimento tamén serviu para compilar datos. “Pasáronme unha enquisa para ir recollendo a sintomatoloxía posterior: falta de apetito, falta de olfacto ou outros”, explica. “Atopábame fisicamente frouxa pero cada vez fun mellor”, indica.

O seu confinamento e o da súa parella -que está de baixa e seguirá ata o 20 de abril ao convivir cunha persoa que deu positivo- foi estrito. “Familiares e veciños deixábannos comida na porta e axudáronnos, o que me gustaría agradecer”, remarca.

IMPOTENCIA

Unha vez pasou 15 días baixo seguimento do HULA, como é habitual nos casos de confinamento domiciliario, o seu caso pasou á médica de cabeceira, que pediu un segundo test. “En total estiven de baixa un mes, ao principio con febre e tos. Logo o confinamento pasóuseme cada día mellor porque fun mellorando dos síntomas e funme acostumando máis á rutina na casa, sendo capaz de facer máis cousas. Unha vez te atopas máis forte si que sentes impotencia por non axudar e volverei con moitas ganas de dar o 100% e tamén de encontrarme coas compañeiras”, remarca.

Para darlles apoio dalgún xeito, desde esa mesma importencia do illamento, pendurou un debuxo no balcón da súa casa, co arco da vella e no que se pode ler: “ánimo compis”.

SEN CONTAXIOS NA ÁREA DE TRABALLO NIN NA FAMILIA

A sanitaria amósase “máis tranquila” por “non ter contaxiado a ninguén na miña área do hospital nin da miña familia, porque creo que non puxen en risco a ninguén”. Malia que ser a primeira profesional infectada na Mariña puido supoñer ao principio e en certo modo un pequeno estigma, sinala que “espero que se entenda que ninguén é culpable nestas situacións, porque ninguén quere contaxiar, e agardo ser unha máis”.

A finais do pasado mes de marzo, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) recoñeceu a El Progreso que había 30 profesionais sanitarios do hospital de Burela afectados polo virus, para un total de 140 na provincia de Lugo.

A enfermeira si recoñece “un pouco de incerteza” sobre en que área do centro hospitalario de Burela se incorporará, porque de cambiar tería que acostumarse a novas tarefas ou a un protocolo diferente.

VODA

A súa alta, un mes despois, é un recordatorio de que tamén hai novas positivas nestes momentos difíciles, de que tamén se sae das situacións complicadas e de que a vida segue. Ela sábeo: a súa voda, prevista para o segundo de maio e cancelada, será o 15 de agosto.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...