InicioEconomíaReymogasa e Cyrgasa anuncian Ertes con 43 traballadores afectados

Reymogasa e Cyrgasa anuncian Ertes con 43 traballadores afectados

Trala decisión de Alcoa de non reparar as cubas de electrolise, dúas auxiliares plantexan suspender contratos e Rodabell un calendario rotativo de vacacións

Publicada o

- Advertisement -

Reymogasa e Cyrgasa, auxiliares de Alcoa afectadas pola decisión da multinacional de prescindir “temporalmente” das tarefas de rebrascaxe -aquelas que permiten reparar e reactivar as cubas de electrolise da planta de aluminio unha vez remata a súa súa vida útil- anunciaron aos sindicatos senllos Expedientes de Regulamento Temporal de Emprego (Ertes), que suporía a suspensión do contrato de 30 e 13 traballadores, respectivamente.

Polo de agora, segundo concretaron fontes da coordinadora que aglutina a representación sindical en 21 empresas auxiliares de Alcoa, os sindicatos non teñen polo momento a documentación oficial dos expedientes, polo que se descoñece se os Ertes solicitados serán de forza maior ou por causas organizativas.

No caso de Reymogasa, a medida afectaría a arredor do 40% do persoal -uns 75 traballadores-, que xa quedara reducido case á metade trala subrogación de 65 operarios a Dominion, que asumiu os traballos de mantemento mecánico no departamento de dixestión de alúmina. Deste xeito, a empresa pasaría de 140 traballadores a uns 45, durante o período que durase o Erte, no prazo dun ano.

En Cyrgasa, segundo expuxo o comité, o Erte de suspensión afectará a todo o persoal de rebrascaxe, 13 dos arredor de 95 empregados, e terá un prazo de cinco meses, aínda que polo de agora non recibiu documentación oficial por parte da empresa, polo que descoñece a que se acollerá para solicitar o expediente.

No caso de Rodabell, a terceira empresa implicada nas labores anteriormente mencionadas, propuxo polo de agora aos delegados sindicais un calendario de rotación de vacacións para liberar persoal dispoñible e deste xeito tentar atopar unha viabilidade sen abocar aos empregados á cancelación dos contratos.

“INDIGNACIÓN” ENTRE OS SINDICATOS DE REYMOGASA

O comité de empresa de Reymogasa, constituído por CC OO, UGT e CIG, amosou a través dun comunicado de prensa a “indignación ante a decisión de Alcoa de parar os traballos de rebrascaxe e arranque de cubas”.

Os obreiros de Reymogasa sinalaron que ao longo do último mes e medio traballaron “seguindo todas as recomendacións de Alcoa como consecuencia do Covid-19 -entradas por chanzos de persoal, quendas, aluguer de furgonetas para cumprir que fosen un máximo de tres traballadores nelas, dispensadores de solución hidroalcólica, charlas específicas ou desinfección de vehículos con ozono-“.

FACEMOS “UN MANTEMENTO ESENCIAL”, AFIRMA O PERSOAL

Ademais, “aceptamos un calendario rotatorio de vacacións como consecuencia do anterior descenso de carga de traballo -de dous cambios de cuba por semana pasouse a un-“, expón o comité. Os sindicatos de Reymogasa remarcan que a actividade da empresa foi cualificada dentro do grupo das “esenciais” pola propia normativa. “Desde este comité pensamos que eses traballos que pretenden parar son mantemento fundamental para a produción de aluminio que, como di a lexislación, é un servizo esencial”.

O comité de Reymogasa lembra tamén que nas últimas semanas as auxiliares “apoiamos todos os actos e mobilizacións convocadas en relación á aprobación dun estatuto de empresas electrointensivas para a subsistencia da fábrica“. Demóstrase así “que somos o eslabón máis feble“, argumentan os sindicatos.

A proposta da empresa é “desproporcionada“, segundo o comité, que lembra que vén “dunha situación de incerteza a finais do ano pasado, cando Reymogasa renunciou ao contrato de mantemento mecánico no departamento de dixestión de alúmina, que nos levou á subrogación da metade do persoal”.

ESTUDAN MOBILIZACIÓNS

“Estes últimos anos, logo de sufrir accidentes graves e ata mortais de compañeiros, de estar loitando polo prezo xusto da enerxía e pelexando por un estatuto para empresas electrointensivas, vemos que á primeira, tanto a empresa principal como a nosa toman este tipo de decisións contrarias aos traballadores”, lamentan.

Deste xeito, “estamos estudando a realización das mobilizacións que poidamos realizar durante o estado de alarma e valorando outro tipo de medidas”, conclúen.

PREOCUPACIÓN ENTRE “OS ARREDOR DE 20 EVENTUAIS” DE CYRGASA

Desde o comité de Cyrgasa, o presidente do organismo de representación dos traballadores, Diego Fernández, expón que a empresa citou aos sindicatos o vindeiro luns, polo que a medida non entrará en vigor o 1 de maio, como estaba previsto. Daquela abrirase o prazo de negociación, unha vez se presente a correspondente documentación.

“É un mazazo. O persoal está moi fastidiado e con moitas dúbidas. Temos moita xente eventual, entre 15 e 20 persoas, que está moi preocupada pola situación que se xerou agora e polo que poida pasar cos seus postos de traballo nas seguintes semanas”, indica o sindicalista.

Os sindicatos de Cyrgasa coinciden cos seus compañeiros de Reymogasa. “Non vemos normal que nos declaren esenciais hai cinco semanas e que hoxe teñamos sobre a mesa un Erte”, lamenta Fernández.

“Imos loitar porque non se faga o Erte e porque se recoloque á xente noutros departamentos“, manifesta.

“O estado de alarma dificúltanos a realización de asembleas, pero en función da documentación que vaiamos recibindo non descartamos tomar medidas”, conclúe.

O COMITÉ DE ALCOA PIDE APOIO AOS SINDICATOS DAS AUXILIARES E “PROTECCIÓN” PARA “OS SECTORES ESENCIAIS”

O comité de Alcoa pediu ao persoal de alúmina e aluminio “apoio a calquera medida” que poidan tomar tanto os sindicatos das empresas auxiliares como os do propio complexo industrial de San Cibrao.

O comité explica que se convocou á dirección de Alcoa, aos partidos políticos, á Xunta e ao Goberno central, para “abrir un diálogo e paralizar a decisión da empresa e, en consecuencia, dos Ertes presentados“. Tamén, para lembrar “a necesidade de retomar a aprobación do estatuto electrointensivo que dea solución e estabilidade ao marco enerxético dos grandes consumidores e do aluminio en particular”. Finalmente, os sindicatos reclaman “protección para os sectores que no seu día foron recoñecidos como esenciais dentro da industria do país. En concreto, para o noso, como cauce para a transición ecolóxica e enerxética trala desestabilización do mercado debida ao impacto do Covid-19″, conclúen.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...