EFE. Oito tripulantes do pesqueiro francés ‘Notre Dame‘ -aínda que o armador é de Cedeira (A Coruña)- deron positivo por coronavirus nas probas PCR ás que foron sometidos todos os membros da tripulación, formada por 15 mariñeiros, segundo informaron a Efe fontes sanitarias.
Os mesmos informadores precisaron que un dos positivos é o propio patrón do barco, que foi ingresado o pasado sábado no Hospital Público da Mariña, en Burela, para ser tratado dunha pneumonía.
Tamén deu positivo por anticorpos outro dos tripulantes, que superou a enfermidade en alta mar, cando o barco estaba a faenar na zona de Gran Sol.
Outros cinco tripulantes, que deron negativo, pasarán o período de corentena -14 días- nos seus respectivos domicilios, mentres que o maquinista, que en principio tiña intención de quedar no barco, que permanece amarrado no porto de Celeiro, trasladarase a un hotel para pasar o confinamento. Está previsto que o pesqueiro sexa desinfectado cunha máquina de ozono esta mesma semana.