- Advertisement -
As catro provincias galegas entran na Fase 1 da desescalada a partir deste luns, 11 de maio, segundo anunciou este venres o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón.
Á espera de que a normativa oficial e definitiva se publique os vindeiros días no Boletín Oficial do Estado (BOE), o Goberno adiantara as principais medidas días atrás, cando esbozou o plan de desescalada. Esta fase 1, de feito, xa se aplica en illas como Gomera, Hierro ou Formentera.
REUNIÓNS
Nesta fase permitiranse:
–Reunións de ata 10 persoas dentro e fóra de casa, mantendo a distancia de seguridade de dous metros e respectando as normas de hixiene relativa a lavado de mans e “etiqueta respiratoria”.
–Uso de coche de ata 9 prazas por parte dos habitantes dun mesmo domicilio.
APERTURA DE TERRAZAS
–Apertura de terrazas ao 50 % da súa capacidade. Terá que haber unha distancia mínima de dous metros entre as mesas e os grupos de clientes terán un máximo de dez persoas. Ademais, haberá que desinfectar as mesas entre un cliente e outro e non se poderán utilizar cartas de uso común nin servilleteros.
-Apertura de tendas de menos de 400 metros cadrados sen cita previa. O aforo máximo para os comercios será do 30%, será necesario manter unha distancia de seguridade mínima de dous metros e deberase establecer un horario de atención preferente a maiores. Terá que procederse á desinfección do local dúas veces ao día.
MERCADOS
–Mercados ao aire libre na vía pública, con condicións de distanciamento entre postos e delimitación do mercado ambulante para correcto control do aforo polas forzas de seguridade. Limitación inicial ao 25% dos postos habituais e afluencia máxima da terceira parte do aforo.
VELORIOS E LUGARES DE CULTO
–Velorios para un número limitado de familiares en instalacións públicas ou privadas: quince persoas ao aire libre ou dez en espazos pechados. A comitiva para o enterramento ou a despedida para a cremación do falecido restrínxese a un máximo de quince persoas e, no seu caso, poderase sumar o ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.
-Os lugares de culto abrirán, aínda que só se permitirá a entrada ata un terzo da súa capacidade.