IniciosociedadeO mercado de Ribadeo volve con 21 postos e uns 25 venderán...

O mercado de Ribadeo volve con 21 postos e uns 25 venderán o venres en Burela

Suárez Barcia e Llano defenden as novas ubicacións, no aparcadoiro municipal e Torrentes, respectivamente, para "dar cabida a todos" e derivadas "só do estado de alarma"

Publicada o

- Advertisement -

Un total de 21 postos -dos 28 habituais de produtos agroalimentarios– venderon este mércores no mercado semanal de Ribadeo, trasladado da contorna da praza de abastos ao aparcadoiro municipal situado entre Daniel Cortezón e a Avenida de Galicia. En Burela, a venda ao aire libre retomarase o vindeiro venres na zona de Torrentes, cuns 25 vendedores.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, argumentou que o cambio de localización, criticado polo Partido Popular, “non obedece a un capricho”, senón que se trata “dunha medida para dar cabida a todos os vendedores que acoden a esta cita cumprindo con todas as esixencias e normativas legais ditadas polo Estado”.

“Decidimos, unha vez oídos aos técnicos municipais, movelo para dar cabida a todos, tendo en conta as estritas normativas de ámbito estatal que nos obrigan aos Concellos a tomar en consideración”.

Suárez Barcia explicou que “hai que reducir a un 25% a ocupación de postos sobre un terzo do aforo de como viña sendo, a non ser que os Concellos poidamos ampliar as súas superficies para manter as distancias físicas de seguridade, dos corredores, da distancia entre postos, da distancia entre vendedores e compradores. Polo tanto decidimos xa cambialo de ubicación para este aparcamento público para lograr nos próximos días, agardamos que sexa a curto prazo, dar cabida ao resto de postos que na actualidade viñan vendendo no mercado dos mércores”.

O SÁBADO, MERCADO DA HORTA

O rexedor manifestou que “é comprensible agora que todo o mundo se ten que adaptar a unha nova realidade, tanto os vendedores como os compradores. Os vendedores teñen que manter unha distancia de seguridade, non poden permitir que os clientes manipulen o produto, e os consumidores tamén teñen que manter as normas de distanciamento físico. Pero entre todos temos que facelo moi ben, como hoxe se estivo facendo, para dar a imaxe, ao mundo e á comarca, de que o mercado de Ribadeo é seguro”, razoou.

O alcalde ribadense concluíu: “creo que hoxe, dando unha volta polo mercado, tanto os produtores como os compradores estaban agradados de compartir, de volver a verse e volver adquirir produtos nun entorno saudable e agradable como é o mercado de Ribadeo na nova ubicación”. O vindeiro sábado haberá mercado da horta. Este manterase no entorno da praza de abastos.

EN BURELA, DE 115 POSTOS A 25

Con respecto a Burela, o rexedor, Alfredo Llano, anunciou que serán arredor de 25 postos de produtos alimentarios os que acudan o venres, 15 de maio, á reapertura do mercado semanal.

Llano explicou que “agora mesmo, definido pola normativa do estado de alarma, permiten nesta fase 1 a apertura destes mercados pero cunhas condicións que comezan pola cantidade de postos que poden ocuparse, que ven significando un 25% do que se viña facendo. Nós temos aproximadamente cen ou 115 postos, depende se é verán ou inverno. Polo tanto podemos ocupar 25 postos, de momento, na zona onde se vai instalar”.

35 SOLICITUDES

O alcalde engadiu que “estes postos teñen que ser relacionados coa alimentación, sexan froitas, verduras, cárnicas ou lácteos. Hai moita xente que nos chamou dicindo que queren vir a Burela, tíñamos xa apuntados máis de 35 postos, pero loxicamente hai que limitar o espazo que temos ao 25%; aqueles que querían vir con apeiros, con roupa ou outras cousas non poden facelo polo momento”.

O rexedor sinalou que “hai que cumprir unha normativa estrita, moi rigorosa, o que non se poden facer máis que nun lugar enorme e con todas as garantías. Por esa razón, en principio, imos facelo en Torrentes. Non hai máis razón que a derivada do estado de alarma”, zanxa.

Imos cubrir toda unha rúa que vai ata a zona do Campón. Aí vai coller perfectamente, cun espazo de separación de seis metros entre cada posto. Vai haber unha grande cantidade de espazo para que haxa fluidez de todas as persoas que vaian alí a mercar ou a ver. Entón é o único lugar que agora mesmo cumpre os requisitos de centralidade, de espazo, de garantía de seguridade sanitaria e todo o que implica cumprir a normativa”.

O XOVES, EN SAN CIBRAO

O vindeiro xoves volverá o mercado semanal de San Cibrao, que se celebrará na Praza dos Campos.

O goberno local habilitará unha entrada e unha saída pola Avenida da Mariña para que as persoas usuarias poidan acceder aos postos de xeito controlado.

Na entrada, o Concello facilitará solución hidroalcólica de uso obrigatorio e recomenda ás persoas usuarias a permanecer no mercado o tempo estritamente necesario para realizar as compras e sempre mantendo a distancia de seguridade de dous metros.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...