InicioCulturaA socioloxía estuda o Resu: "a súa historia de base marca a...

A socioloxía estuda o Resu: “a súa historia de base marca a diferenza con outros festivais”

Unha investigadora de Boiro realizou un traballo de fin de mestrado no que tenta medir o impacto do encontro musical de Viveiro na identidade individual e colectiva dos asistentes

Publicada o

- Advertisement -

Resurrection Fest non é só un fenómeno musical senón tamén sociolóxico, que non só se pode medir cuantitativamente -á hora de contabilizar a cantidade de asistentes ou mesmo a súa pegada económica- senón tamén dun xeito cualitativo, analizando o seu impacto na identidade individual e colectiva dos participantes. É unha das premisas que parte Estefanía Tarrío Maneiro, unha socióloga de Boiro que ultima o seu traballo de fin de mestrado sobre o festival de música extrema de Viveiro.

Estes días liberouse na rede un petisco da súa investigación, o contido dunha ponencia exposta en Madrid a principios deste ano no Congreso Internacional de Estudos Culturais Interdisciplinares. Tarrío, estudosa da Socioloxía da Música, realizou esta análise coa axuda de Carmen Rodríguez-Rodríguez.

UNHA PONTE ENTRE O MUNDO ACADÉMICO E A MÚSICA

Na publicación pendurada en Internet está condensada unha das partes do seu traballo, unha aproximación sociolóxica ao Resurrection Fest. “Unha temática sobre a que case non hai nada“, afirma. “Este traballo é unha ponte entre o mundo académico e algo que non se soe estudar”, engade.

A outra parte é unha análise do discurso dos seguidores. “Entrevistei a 17 asistentes, de diferentes tipos en función do ano no que acudiron ao festival, das súas preferencias musicais, da súa idade… Busquei a variedade, analizando en todos os casos cal é a opinión sobre o Resu. Tamén, por suposto, recollín testemuños da xente de Viveiro, que deron un plus ao estudo, pois eles veno un pouco desde dentro. A valoración, sexa positiva ou de perda de confianza, é a base do meu traballo”, remarca.

a investigación nutriuse da análise da programación, da observación in situ e as entrevistas

SEN BIBLIOGRAFÍA

O obxectivo principal da investigadora era “coñecer o fenómeno do Resurrection desde unha visión sociolóxica, pois non existía ningún tipo de bibliografía sobre este festival, que é moi potente, o que realmente chama a atención”, sinala.

Tarrío, que acudiu ao Resurrection por primeira vez en 2011, perfila no estudo a evolución do festival ao longo dos anos e argumenta que o seu éxito se debe a unha apertura de estilos que modificou a orientación inicial ao hardcore, subxénero musical que deriva do punk e que naceu en Estados Unidos a finais dos anos 70.

EVOLUCIÓN

A través da análise dos carteis de catro edicións seleccionadas -2006, a primeira; 2011, o ano no que o festival se deslocaliza cara a un espazo e recinto maior; 2016, ano de actuación de Iron Maiden; e a última, que corresponde ao 2019-, ademais da observación participante no propio campo de Lavandeiras ou nos cámpings do evento -“anotacións sobre a estética dos asistentes, as camisetas, as prácticas que se realizan”-, Tarrío tenta teorizar a mutación do festival.

“O Resu, nos seus inicios, partía dunhas condicións sociais de existencia que distan en gran medida das actuais. Este cambio deriva principalmente do aumento -así como da transformación- dos xéneros musicais da súa programación cultural”, indica a investigadora.

“o desenvolvemento do resu foi ligado a abrirse a músicas máis comerciais”

“Atopeime que o desenvolvemento do Resu foi ligado a ir abríndose a músicas máis comerciais como pode ser o metal ou o heavy metal, incluso co rock clásico dos Scorpions. Iso en detrimento do hardcore, protagonista nos inicios, o que dá a entender que os xéneros musicais non se consumen da mesma maneira porque non conteñen os mesmos valores”, remarca.

Tarrío, nunha ponencia. ESTEFANÍA TARRÍO MANEIRO

OS VALORES PRIMIXENIOS

Que valores encarnaba o Resu nos inicios? “O hardcore é unha micropolítica cultural, é un modo de posicionarse desde a cultura con determinados ideais que se estaban perdendo. Trátase dun toque de atención ao punk, á hora de retomar unha dimensión reivindicativa. Contén principios de irmandade e solidaridade que moitas veces non se atopan contidos noutros xéneros musicais e que fan que os oíntes e os músicos formen unha comunidade e unha ética propias“, asegura.

Exemplo deste movemento cultural son as chamadas “prácticas corporais” que conleva. “Unha delas é o moshfit, o que habitualmente coñecemos como poguearse; outra é o stage diving, o feito de tirarse e ‘surfear’ a multitude do público; e tamén hai algo moi interesante, o spatial role reversals, que consiste no intercambio de roles entre os seareiros e os propios músicos, reivindicando as audiencias como activas e eliminando esa diferenza de alturas do palco e do campo”, explica.

Estes actos “amosan unha combinación entre agresividade e solidaridade, xa que se rexen por unhas regras tácitas de colaboración entre os grupos sociais”, salienta.

Análise dos carteis. ESTEFANÍA TARRÍO MANEIRO

CANDO O HARDCORE CALLOU EN VIVEIRO

Por que callou en Viveiro, nunha zona pouco poboada de Galicia como a Mariña Lucense, un festival de música máis ben urbana que xurde en Norteamérica?

“Desde logo, chama a atención que nun sitio tan illado, con problemas de transporte para o resto de Galicia e de España, cheguen a actuar bandas como Iron Maiden. O traballo de campo deu a resposta. Falando con xente descubrín que existía unha base de hardcore, un grupo de xente que escoitaba esa música, e que contou co apoio de Melchor Roel. Había unhas redes e unha cultura previas, e determinados nexos entre Viveiro e Asturias que eu descoñecía completamente”, razoa Tarrío.

“chama a atención que iron maiden tocasen nunha zona pouco poboada de galicia. pero en viveiro había unha base”

“Igual que antes se pasaban os casettes ou os CDs, había relación entre dúas escenas culturais, un intercambio entre bandas que favorecía o coñecemento de grupos e de xéneros”, sostén.

Metáfora das Matrioshkas para encadrar o festival. ESTEFANÍA TARRÍO MANEIRO

RELATOS ALTERNATIVOS

As enquisas revelaron un relato diferente ao que se acostuma a ofrecer tanto desde os medios de comunicación como desde a propia organización do festival. “A narrativa que construíron os organizadores é unha historia de Self-Made-Man, xente feita a si mesma, como se viñesen da nada. Pero había unha rede de partida. Sen fanáticos do hardcore en Viveiro, e non abonda con dous, dubido de que o Resu poidese ter o apoio institucional que lle deu o Concello”, manifesta.

“O deber das ciencias sociais e o que tenta facer este traballo é amosar que hai máis ca un relato”, incide.

UN FESTIVAL “CUNHA NARRATIVIDADE PROPIA”

“A capacidade para construír unha narratividade propia é outro dos segredos do éxito do Resu”, salienta Tarrío, que considera que o manexo das redes sociais e da comunicación por parte da organización “é extraordinario“. O lema “by fans for the fans” (feito por seguidores para os seguidores), en todo caso, agocha unha singularidade que lle dá forza fronte a outros eventos multitudinarios.

“a vila ten un papel central. moita xente valora o resu polo lugar onde se celebra”

“O Resu sóese comparar con outro festival, o Download, que se celebra en Madrid, un produto prefabricado que vén doutros países. Todos os amantes da música coinciden en que non hai cor, pois a historia de base do Resurrection marca a diferenza”, subliña a investigadora.

O PAPEL DE VIVEIRO

Outro dos aspectos que desequilibra a balanza é Viveiro. “Ten un papel central“, asegura a socióloga. “Entrevistei a xente de toda Galicia e valoraban moito o Resu polo lugar onde se celebra, mesmo identificando unha cousa con outra. Tamén atopei, ademais da cara, a cruz: algunhas persoas entrevistadas si que comentaban algunhas reticencias e prexuízos iniciais, que foron resoltas grazas a que Roel deu a cara”, apunta.

“Había prexuízos e é normal, aínda que moitas veces non se fala disto. Que viñese xente punk, con dilatacións, cheas de tatuaxes, ao principio xerou reticencias serias. Pero é certo que a aceptación veu moi axiña, en canto se veu o desenvolvemento do festival e os valores da comunidade do hardcore, que fai fincapé no respecto e no coidado, pois ten lazos coa ecoloxía e o animalismo“, concede Tarrío.

Concerto no Resu. RESURRECTION FEST

DE FANÁTICOS DO HARDCORE A RAPAZADA E XENTE DE 30-40 ANOS

Tras investigar a evolución do Resu, cabe preguntarlle á socióloga polo perfil do asistente e tamén polo impacto que pode ter o festival na formación do individuo.

“AO PRINCIPIO HOUBO RETICENCIAS, PREXUÍZOS. RESOLVEUNOS MELCHOR ROEL, QUE DEU A CARA POLO FESTIVAL”

“Unha banda como Iron Maiden enche estadios. En cambio, ter a Madball pode ser igualmente moi meritorio, como ocorreu nas primeiras edicións cando o festival era máis modesto e só estaba repleto o primeiro dos campos de fútbol do recinto. Iso fala de que que diferentes xéneros atraen a diferentes públicos e con diferentes valores”, sostén a autora.

“A dinámica tende ao comercial, como na maioría dos grandes eventos, que quizais teñen menos importancia no reforzo da identidade dunha persoa ou do seu sentimento de pertenza dentro dunha colectividade que un concerto nun barrio”, indica.

COMO A PROGRAMACIÓN TRANSFORMA AS COMUNIDADES

“A introducción ou variación dun estilo musical pode provocar un efecto mariposa dun gran calibre para unha comunidade de afeccionados. Moitos fans do principio deixaron de asistir, tiveron unha certa decepción coa perda de peso do hardcore”, enfatiza Tarrío, sinalando que o Resu soubo captar outro público mentres medraba, aínda que a costa de distanciarse “dos modos de vida propios das escenas do movemento cultural coas que naceu, e polo tanto, todos aqueles valores éticos propios dese xénero”.

o resu soubo atopar outro público, pero a costa de distanciarse dos modos de vida do movemento cultural do que partiu

“Hoxe, o Resu é un festival híbrido no que o peso dun ou doutro xénero depende moito da edición. No 2018 tocaron bandas como Scorpions ou Kiss, cun perfil de oínte claro, de xente con máis de 40 anos, que pode vir en familia e asumir un gasto maior que outras persoas máis novas. Se ben é certo que non foi a tónica predominante”, admite.

A rapazada sumouse tamén ao Resu “grazas ao enfoque de comunicación excelente do festival. Foron capaces e atraer a moitos rapaces que acoden por primeira vez a un festival, desexosos de experimentar. De xeito que houbo unha certa ruptura cos fans do inicio, e o perfil de asistente vai hoxe cara mozos moi novos ou tamén persoas de 30 e 40 anos en diante”, di Tarrío, que concreta que esta concepción vese refrendada “por un informe elaborado pola marca Fest Galicia“, que chega a esta mesma conclusión.

A CONSULTA EN SETEMBRO

A partir da investigación, a socióloga trazará unha ferramenta DAFO para axudar a mellorar o festival, coñecendo as súas fortalezas e debilidades e tentando afianzalo a partir do que considera o seu gran valor, “esa historia de base que ao meu xuízo a organización debera ter en conta”.

O traballo de fin de mestrado será liberado, para a súa consulta na rede, en setembro. En outubro pasado comezou a súa tese, tentando deseñar unha metodoloxía para comprobar o peso dos xéneros e escenas musicais e a súa evolución nun mapa de Galicia. Para coñecela haberá que agardar e desfrutar mentres, dentro duns poucos meses, do traballo que significou o punto de partida, aquel no que converxeron o Resu e a Socioloxía.

EVENTO ONLINE

A organización do Resu anunciou un evento online para os días 3 e 4 de xullo, con fins benéficos e unha programación en aberto de concertos inéditos, actuacións en directo, entrevistas e reportaxes sobre o festival.

“Dentro desta edición virtual, poderemos vivir desde casa e cos nosos amigos a experiencia Resurrection Fest Estrella Galicia e ademais axudar a varias iniciativas contra o coronavirus e a colectivos necesitados”, explica a organización.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...